Vimianzo M.O.L.A. encherá a vila de muralismo, literatura, oralidade e arte do 4 ao 6 de setembro

O festival, apoiado pola Deputación da Coruña, reivindicará o talento local e a memoria histórica cunha ampla programación no castelo e nas rúas de Vimianzo

Vimianzo prepárase para acoller, do 4 ao 6 de setembro, a segunda edición de Vimianzo M.O.L.A.: un castelo de lenda, unha proposta cultural que combinará muralismo, oralidade, literatura e artes escénicas. O proxecto conta co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña e pretende consolidar o municipio como un referente cultural da Costa da Morte.

A presentación do festival tivo lugar no castelo de Vimianzo, coa participación do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e da alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Regueira destacou a transformación do castelo, antigo espazo de defensa, nun lugar de encontro, cultura e participación cidadá. O vicepresidente subliñou tamén a importancia de iniciativas que contribúen a recuperar e transmitir a memoria histórica, ao tempo que reivindicou a necesidade de coñecer o pasado para evitar que se repitan erros e inxustizas.

Neste sentido, puxo en valor o talento existente na Costa da Morte e cualificou o territorio, tomando como referencia a Manuel Rivas, como un «parque temático en positivo», pola capacidade das súas xentes para crear, traballar, emprender e xerar riqueza.

Pola súa banda, Mónica Rodríguez salientou que Vimianzo M.O.L.A. nace coa vontade de converterse nunha cita cultural anual de referencia. A programación, dirixida a públicos de todas as idades, terá como eixo principal o castelo e incluirá unha feira do libro, encontros con escritoras e escritores, contacontos, teatro, música, narración oral e visitas teatralizadas.

Literatura e memoria histórica

A segunda edición do festival estará marcada por dous episodios históricos relacionados co castelo de Vimianzo: a revolta irmandiña de 1467 e a toma do castelo polo pobo e o Goberno republicano, acontecida hai 90 anos.

Entre os nomes destacados da programación figuran escritoras e escritores como María Oruña, Arantza Portabales, María Canosa, Nerea Pallares, Alberto Lema, Rosalía Fernández Rial, Montse Fajardo, Luís Sánchez e Luís Lamela, ademais de diversos autores e autoras da Costa da Morte.

O venres 4 de setembro, o público poderá asistir á presentación de A Primeira Dama, de Julio Romero Suárez; ao espectáculo Os Contos de Shakespeare, de Pedras de Cartón; a unha proposta de monicreques da Cova das Letras e ás primeiras Conversas a pé de páxina, con María Oruña e Arantza Portabales.

O sábado 5 continuarán as actividades literarias e familiares, con sesións dos clubs de lectura, contacontos, sinaturas de libros e a instalación Kinétiko, de Trécola Producións. A xornada completarase cunha proposta musical sobre os seis poemas galegos de Lorca, a cargo de Benxamín Otero e Rafa Fernández, e unha visita teatralizada nocturna dos Quinquilláns.

O domingo 6 terá lugar a presentación de Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela, de Manuel Canosa Trillo, así como de Os tres nomes de Sartegua, do xornalista Alberto Mancebo. Tamén se desenvolverán novas visitas teatralizadas, contacontos e a proposta de narración e música Lavandeiras, de Vero Rilo.

A última das Conversas a pé de páxina estará dedicada á toma do castelo e á represión franquista en Galicia, con Montse Fajardo, Luís Sánchez e Luís Lamela. A programación literaria pecharase coa sinatura de En Vísperas de Nada, do autor vimiancés José Pardiñas Alvite.

Durante as tres xornadas, o castelo acollerá tamén unha feira do libro, aberta desde as 18:00 horas.

A arte urbana toma as rúas

O festival non quedará limitado ao recinto do castelo. A arte urbana volverá ocupar as rúas de Vimianzo cunha programación que busca implicar directamente a veciñanza.

O artista Cristian F. Caruncho realizará o Mural XXL, que comezará o 24 de agosto na rúa Rosalía de Castro, número 7.

Ademais, os días 27 e 28 de agosto, entre as 11:00 e as 15:00 horas, desenvolverase un mural colaborativo destinado a rapazas e rapaces de entre 8 e 16 anos. As persoas interesadas poderán inscribirse na Casa da Cultura, de 9:00 a 14:00 horas, ata o 22 de agosto.

Con esta combinación de literatura, memoria, patrimonio, creación artística e participación cidadá, Vimianzo M.O.L.A. busca establecer un diálogo entre as pedras do castelo e os muros da vila, entre os libros e a palabra e entre a creación profesional e o talento da veciñanza.