
Os veciños do Rueiro do Campo, en Malpica, amosan o seu malestar pola situación dos colectores de lixo da zona. Segundo denuncian, o Concello comprometérase durante o verán a buscar unha solución aos problemas existentes, pero a modificación realizada acabou, ao seu xuízo, empeorando a situación.
Os residentes aseguran que os contedores, que xa anteriormente estaban situados nunha localización que lles ocasionaba molestias, foron agora colocados aínda máis preto das portas das vivendas.
A situación provocou novas queixas por parte dos veciños, que aseguran ter presentado varias reclamacións por escrito ante o Concello sen que, ata o momento, perciban unha solución satisfactoria.
Ante esta situación, algúns residentes preguntan se existen “veciños de primeira e de segunda”, ao considerar que as súas demandas non están recibindo a mesma atención que as doutros lugares.
“Mentres noutros concellos se progresa, en Malpica parece que retrocedemos”, sinalan os afectados, que reclaman ao Concello unha revisión da ubicación dos colectores e unha resposta ás reclamacións presentadas.
Os veciños agardan que o Goberno municipal tome medidas e atope unha solución que permita manter os servizos de recollida de lixo sen prexudicar o acceso nin a convivencia dos residentes.
