
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu o acto de toma de posesión e destacou o obxectivo común de garantir o mellor presente e futuro para o mar galego e as súas xentes.
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026. María Luisa Boquete Pumar tomou posesión este xoves como nova secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, nun acto presidido pola conselleira, Marta Villaverde, no salón de actos de Presidencia, no complexo administrativo de San Caetano. Boquete substitúe no cargo a Marta Barreiro Castro, que pasa a desempeñar un novo cometido na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.
Durante o acto, Villaverde deu a benvida á nova responsable e puxo en valor a súa traxectoria profesional, especialmente a súa experiencia en xestión administrativa e económica e en dereito comunitario. A conselleira destacou a importancia do traballo conxunto para afrontar os retos do sector marítimo galego e afirmou que o obxectivo compartido é “procurarlle o mellor presente e futuro ó noso mar e ás xentes do mar”.
Así mesmo, trasladoulle a Boquete a súa confianza e o apoio de todo o equipo da Consellería nesta nova etapa. Villaverde tamén agradeceu a Marta Barreiro o labor desenvolvido durante o seu período de responsabilidade e desexoulle sorte no seu novo destino profesional.
Unha ampla traxectoria na Administración autonómica
Licenciada en Dereito pola Universidade San Pablo CEU, con especialidade en Dereito Comunitario, María Luisa Boquete Pumar é funcionaria do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia, pertencente ao subgrupo A1, e conta cunha ampla experiencia en distintos ámbitos da Administración autonómica.
Desde xullo de 2024 ocupaba o posto de subdirectora de Coordinación Económica da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria. Con anterioridade, exerceu como secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e como directora da Área de Programas da Axencia Galega de Innovación.
A súa incorporación á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar supón unha nova etapa profesional á fronte das funcións de apoio técnico e administrativo do departamento, nun ámbito estratéxico para Galicia como é o sector marítimo e pesqueiro.
