
- Desenvolve a súa actividade en 108 concellos, o 62 % deles con menos de 5.000 habitantes, o que reflicte a súa estreita vinculación co territorio e a súa contribución ao mantemento da actividade económica no rural.
- A conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia destacou que «apoiar o viño é apoiar a capacidade do medio rural para seguir medrando e abrir a porta aos nosos mozos».
Ourense, 14 de outubro de 2026. O sector vitivinícola mantén 15.625 postos de traballo en Galicia e desenvolve a súa actividade en 108 concellos, un de cada tres da comunidade autónoma. Así o recollen os últimos datos presentados este mércores pola Interprofesional do Viño de España (OIVE) durante a xornada «Vida con Moderación, Territorio y Longevidad: el ejemplo de Ourense», celebrada no Liceo de Ourense.
A presenza territorial do sector vitivinícola constitúe un dos principais indicadores da súa relevancia social e económica. Neste sentido, o presidente da OIVE, Fernando Ezquerro, destacou que o 62 % dos 108 concellos nos que está presente o sector ten menos de 5.000 habitantes, «o que evidencia a súa estreita vinculación co territorio e o seu papel no mantemento da actividade económica no medio rural».
Pola súa banda, Ana Domínguez, responsable de Economía Aplicada de Analistas Financeiros Internacionais (AFI), detallou que, dos 15.625 empregos vinculados á actividade vitivinícola, 9.005 son directos, 4.840 indirectos e 1.780 inducidos. Estas cifras poñen de manifesto a importancia do sector para a economía galega e a súa capacidade para xerar actividade económica noutros ámbitos produtivos.
Territorio, tradición e lonxevidade
Máis alá da presentación dos datos económicos, a xornada abordou a relación entre o territorio, as tradicións e a lonxevidade, con especial atención ao caso de Ourense.
Neste contexto, Cristina Conde, farmacéutica, nutricionista e vicepresidenta da Asociación Ourensividad, identificou catro elementos clave para comprender a lonxevidade na provincia: «auga, viño, alimentación e comunidade».
Conde sinalou que Ourense reúne unhas condicións singulares para explorar a lonxevidade saudable, grazas á súa tradición termal, ao seu patrimonio natural e á súa calidade de vida, estreitamente ligados a unha identidade cultural propia. Así mesmo, destacou que estes elementos conforman un patrimonio que favorece o benestar, o descanso e a conexión coa contorna.
Os viños, a gastronomía e a cultura alimentaria da provincia constitúen, ademais, unha expresión da historia e da convivencia do territorio, elementos que contribúen a reforzar a súa identidade e o seu atractivo.
Apoio ao sector e compromiso co rural
A xornada concluíu coa intervención da conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, quen destacou que «o viño foi durante moitos anos un alimento esencial en Galicia e apoialo é apoiar a capacidade do medio rural para seguir medrando e abrir a porta aos nosos mozos».
Neste sentido, detallou que a Xunta de Galicia destinou 12 millóns de euros a diferentes liñas de apoio dirixidas á reestruturación de viñedos e adegas, á comercialización e promoción do viño tanto dentro como fóra de Galicia e á conservación de paisaxes de especial valor, como as da Ribeira Sacra.
O sector vitivinícola consolídase así como unha actividade estratéxica para a economía galega, non só pola súa capacidade para xerar emprego, senón tamén pola súa contribución á dinamización dos concellos rurais, á conservación da paisaxe e á continuidade dunha tradición produtiva profundamente vinculada á identidade de Galicia.
Informe sobre o sector vitivinícola galego: Consultar o estudo da OIVE e AFI
Infografía cos datos do sector: Consultar a infografía da OIVE
Sobre a OIVE
A Interprofesional do Viño de España (OIVE) é unha organización sen ánimo de lucro que agrupa as entidades representativas da cadea de valor do sector vitivinícola español. Constitúese como un instrumento ao servizo do sector para abordar as súas debilidades mediante a unión e o traballo conxunto dos diferentes axentes que a integran.
