
O Concello de Muros continúa co seu plan de mellora das infraestruturas básicas do municipio coa execución dunha nova actuación de saneamento na zona da Costa de Baño, realizada pola Brigada de Obras municipal e financiada integramente con fondos propios.
Os traballos consistiron na substitución de 70 metros de tubería de gres por unha nova condución de PVC, co obxectivo de optimizar o funcionamento da rede de saneamento e mellorar o servizo á veciñanza. A intervención complétase coa instalación de tres arquetas de rexistro, que permitirán facilitar as tarefas de control e mantemento ante posibles incidencias ou atascos.
Durante os últimos días levouse a cabo a apertura da vía ao longo de todo o tramo afectado, o que permitiu a retirada da antiga canalización, a instalación da nova infraestrutura e o posterior peche provisional da zanxa.
A concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, salientou que “seguimos traballando ao longo de todo o ano para mellorar o saneamento nas distintas parroquias e núcleos do concello, modernizando as infraestruturas públicas e ofrecendo un mellor servizo á veciñanza”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Muros, María Lago, destacou que este tipo de actuacións “son fundamentais para garantir o correcto funcionamento da rede e evitar problemas futuros”, lembrando ademais que o saneamento é “unha prioridade estratéxica do goberno local desde 2023”, con arredor de dous millóns de euros investidos neste servizo, especialmente relevante tamén para o sector marisqueiro.
Finalmente, o Concello informa de que na zona será necesario agardar un período de tempo para permitir o asentamento natural do terreo antes de proceder á reposición definitiva do firme da estrada, que se executará nos próximos días.




