
O Concello de Muxía celebra con orgullo o éxito das deportistas locais Noa Sambad e Lola Soneira, que se proclamaron este martes pola tarde en Ferrol subcampioas galegas de fútbol sala na categoría infantil.
As xogadoras muxiás destacaron ao longo de todo o campionato polo seu talento, esforzo e ilusión, competindo a un alto nivel e demostrando unha gran capacidade de superación en cada encontro. O seu brillante papel levounas a acadar unha meritoria segunda posición nun torneo que reuniu ás mellores promesas do fútbol sala galego.
Dende o Concello de Muxía quixeron trasladar os seus parabéns ás deportistas por este importante logro, que consideran tamén un motivo de orgullo para todo o municipio.
Así mesmo, o Concello fixo extensivo o recoñecemento ás súas familias, adestradores, compañeiras e clubs deportivos, polo seu apoio constante e polo labor que realizan na promoción do deporte base e dos valores de compañeirismo, esforzo e superación entre a mocidade.
Un novo éxito que pon en valor o talento deportivo que medra en Muxía e que reforza o compromiso co deporte feminino e de base na comarca.