
Noia prepárase para celebrar as IX Xornadas de Exaltación do Berberecho, unha iniciativa que busca poñer en valor a tradición marisqueira da vila e destacar a calidade dun dos produtos máis representativos da súa gastronomía.
O programa contará con dúas citas destacadas. A primeira terá lugar o xoves 26 de novembro, ás 17:00 horas, na Praza de Abastos de Noia, onde o chef Luis Veira, do restaurante Árbore da Veira, ofrecerá un *showcooking* no que amosará diferentes propostas culinarias co berberecho como protagonista. A actividade contará con prazas limitadas e será necesario dispor de invitación.
A celebración continuará o domingo 29 de novembro, ás 13:00 horas, cunha degustación popular na Alameda de Noia, aberta á participación da veciñanza e dos visitantes. Esta xornada terá tamén un carácter solidario.
Con estas xornadas, Noia volve situar o berberecho no centro da súa oferta gastronómica e reivindica a importancia do sector marisqueiro, así como o valor económico, social e cultural dunha actividade estreitamente ligada á identidade da vila.
