A Plataforma Mina Touro-O Pino Non denuncia novos escorridos desde a antiga corta mineira e reclama responsabilidades ante unha contaminación que, segundo alerta, persiste décadas despois do peche da explotación.
A Plataforma Mina Touro-O Pino Non volve denunciar a aparición de vertidos de augas procedentes dos antigos ocos mineiros de Touro, unha problemática ambiental que continúa afectando á contorna e aos cursos fluviais da zona décadas despois do cesamento da actividade mineira.
A organización alerta de que estas augas, que poden conter metais pesados, seguen chegando aos ríos, perpetuando unha das graves herdanzas da antiga explotación. Entre os puntos máis preocupantes sitúan a coñecida como balsa de Bama, cuxos vertidos afectan ao río Brandelos, tributario da conca do Ulla.
A situación volve repetirse. Segundo denuncia a plataforma, estes días poden observarse novamente escorridos que descenden pola antiga corta mineira e acaban chegando ao río, evidenciando que o problema continúa sen unha solución efectiva.
A plataforma considera especialmente grave que, malia tratarse dunha situación recorrente, coñecida e prolongada no tempo, non se estean adoptando medidas eficaces para evitar novos episodios de contaminación. Denuncia a falta de actuación dos responsables dos terreos e dos dereitos mineiros, así como das administracións competentes en materia mineira, ambiental e local.
Esta problemática, advirten, contribúe á degradación dos ecosistemas fluviais e á perda de biodiversidade nun río que conecta coa conca do Ulla, un espazo natural que merece protección e garantías ambientais.
Desde a Plataforma Mina Touro-O Pino Non cuestionan tamén os argumentos empregados por quen defende a reapertura da explotación mineira como unha suposta solución aos problemas ambientais existentes.
«Dicir que coa reapertura da mina se van arranxar estes problemas é unha mentira. A experiencia demostra que a actividade mineira deixou contaminación e impactos que seguimos padecendo corenta anos despois. Reabrir a explotación non garante a solución destes problemas; pola contra, podería agravalos e deixar os responsables con maior liberdade de actuación», sosteñen.
A plataforma insiste en que a prioridade debe ser a reparación dos danos ambientais existentes, a prevención de novos vertidos, o control rigoroso das augas e a depuración de responsabilidades, non a recuperación dunha actividade que consideran incompatible coa protección do territorio e da saúde ambiental.
Por todo isto, fan un chamamento á cidadanía para compartir e denunciar esta situación, reclamar actuacións ás administracións responsables e apoiar a oposición á reapertura da mina de Touro e O Pino.
A contaminación non desapareceu co peche da mina. Corenta anos despois, os seus efectos seguen presentes. O territorio non pode volver pagar as consecuencias.
