
O acendido das luces estará acompañado de música, baile, sorpresas e unha chocolatada aberta a toda a veciñanza.
Vimianzo dará a benvida ao Nadal o vindeiro sábado, 28 de novembro, ás 20.00 horas, cunha celebración especial baixo o lema «Vimianzo acende a ilusión», que combinará o tradicional acendido das luces cunha programación festiva pensada para compartir coa veciñanza e visitantes.
O municipio converterase nun escenario de luz, música e alegría nunha convocatoria aberta a toda a cidadanía, que poderá desfrutar dunha tarde-noite chea de sorpresas e actividades para celebrar o inicio das festas navideñas.
Un dos grandes atractivos da xornada será a **«Discoteca de Señoras… e Señores tamén!»**, unha proposta artística de Marta Alonso Tejada que invita a bailar, moverse e desfrutar colectivamente da música e da danza. A iniciativa aposta pola participación e por crear un espazo no que deixar atrás a rutina, compartir a pista e vivir a música sen complexos.
A festa contará tamén cunha chocolatada para compartir, que engadirá un toque doce e acolledor a esta celebración de benvida ao Nadal.
Desde o Concello de Vimianzo animan a toda a veciñanza a reservar a data e sumarse a esta cita, que busca encher as rúas de luz, ilusión e espírito festivo, facendo do acendido do Nadal un momento para compartir e celebrar en comunidade.
Música, baile, sorpresas e chocolatada para acender xuntos a ilusión do Nadal. Vimianzo agarda por todos e todas o sábado 28 de novembro.
