O BNG anima en Camelle a concentrar o voto nacionalista para lograr un resultado histórico o 29N

Ana Pasantes, Rosana Pérez e Oscar Insua reivindican o traballo do BNG en Madrid en defensa do sector marisqueiro e dos intereses da Costa da Morte.

Camelle (Camariñas), 20 de novembro de 2026. O BNG chamou este venres en Camelle a concentrar o voto galego na formación nacionalista nas eleccións xerais do próximo 29 de novembro para lograr un resultado histórico que permita reforzar a defensa de Galiza e da Costa da Morte en Madrid, avanzar en dereitos sociais e frear o avance da dereita.

O Museo de Man acolleu o acto público, presentado polo portavoz municipal do BNG en Camariñas, Xurxo Rodríguez, e no que participaron a mariscadora camariñá Ana Pasantes, número 8 da candidatura ao Congreso pola provincia da Coruña; a deputada no Parlamento galego Rosana Pérez, número 2 da lista coruñesa; e o parlamentario nacionalista pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua.

Durante as intervencións, os representantes do BNG apelaron á importancia de votar en clave galega para garantir unha voz propia e forte en Madrid, capaz de defender os intereses do país e dar resposta ás necesidades da comarca.

O traballo de Néstor Rego en defensa do sector marisqueiro

Os nacionalistas destacaron o labor desenvolvido nos últimos anos no Congreso polo deputado e cabeza de lista do BNG pola Coruña, Néstor Rego, como aval da formación de cara á cita electoral. Entre as iniciativas impulsadas, salientaron o acordo para que o Goberno central elabore un estudo urxente sobre a salinidade, o quecemento e a perda de biomasa nas rías galegas, así como sobre o impacto destes fenómenos na caída da produtividade do sector marisqueiro.

O estudo contempla expresamente a ría de Camariñas, unha zona especialmente relevante para a actividade marisqueira e para a economía local.

Tamén puxeron en valor a iniciativa do BNG para reclamar a exención das cotas á Seguridade Social das mariscadoras que se atopan en situación de inactividade, unha medida que afecta directamente a traballadoras do mar do municipio camariñán.

Compromisos co sector pesqueiro

O BNG reafirmou o seu compromiso de continuar defendendo en Madrid medidas fundamentais para o sector pesqueiro galego, entre elas o recoñecemento de Galiza como zona altamente dependente da pesca, a exención da pesca artesanal dos topes de capturas e cotas, e a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais específicas dos traballadores e traballadoras do mar.

A formación nacionalista tamén reclamou o dereito a voto dos tripulantes embarcados en altura e unha redución do IVE dos produtos pesqueiros, co obxectivo de mellorar as condicións de vida e traballo do sector e reforzar a súa viabilidade económica.

O BNG concluíu facendo un chamamento á mobilización electoral o próximo 29 de novembro para consolidar unha representación galega forte no Congreso que permita defender os intereses de Galiza, da Costa da Morte e dos sectores produtivos do territorio.