
Oscar Insua defende que aínda hai marxe para estudar alternativas que reduzan a afección ás propiedades particulares e permitan alcanzar un acordo
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026. O BNG conseguiu o compromiso da Xunta de Galiza de manter unha interlocución adicional coa veciñanza de Estorde, afectada pola modificación do trazado do Camiño de Santiago na ruta Fisterra-Muxía, co obxectivo de avaliar as alternativas propostas e buscar unha solución que reduza o impacto sobre as propiedades particulares.
O deputado nacionalista Oscar Insua formulou no Parlamento galego unha pregunta pola vía de urxencia dirixida ao director da Axencia de Turismo de Galiza, Xosé Merelles, para reclamar unha reunión coas persoas afectadas. O proxecto, aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de setembro, contempla un cambio de trazado que atravesaría decenas de parcelas e hortas.
Durante a súa intervención, Insua trasladou a preocupación existente entre a veciñanza e defendeu que aínda existe marxe para estudar outras opcións e chegar a un acordo coa Administración. Pola súa banda, o responsable de Turismo aceptou abrir unha «interlocución adicional» para analizar as propostas veciñais, aínda que non se comprometeu a modificar o trazado aprobado.
O deputado explicou que as persoas afectadas presentaron unha alegación conxunta en xuño, pero non recibiron resposta ata setembro, despois de que o Consello da Xunta aprobase a modificación. Ante esta situación, o colectivo formulou dúas alternativas que, segundo expón, permitirían cumprir os obxectivos da actuación cunha afección considerablemente menor ás propiedades privadas.
A primeira proposta permitiría executar a intervención sen necesidade de expropiacións e sen custos adicionais. A segunda pasa por recuperar o antigo Camiño Real a Fisterra, tamén coñecido como Corredoira da Amarela a Fisterra, unha opción que podería reducir significativamente o número de expropiacións previstas.
O BNG considera que a apertura desta vía de diálogo é un paso necesario para atender as demandas da veciñanza e estudar solucións que compatibilicen a mellora do itinerario xacobeo co respecto ás propiedades e aos intereses das persoas afectadas.
Insua insistiu na necesidade de analizar as alternativas presentadas antes de dar por pechado o trazado definitivo e reclamou que a Xunta escoite a veciñanza e valore todas as opcións dispoñibles para evitar afeccións innecesarias.
