O BNG da Laracha reclama á Xunta que garanta praza de comedor para todo o alumnado do CEIP Otero Pedraio

O Grupo Municipal do BNG da Laracha defenderá no vindeiro pleno unha moción para instar á Consellería de Educación da Xunta de Galiza a adoptar as medidas necesarias que garantan praza de comedor escolar a todas as familias que a solicitaron no CEIP Otero Pedraio.

A formación nacionalista denuncia que arredor dunha trintena de familias quedaron sen acceso a este servizo debido á insuficiente capacidade do comedor do centro, unha situación que, ao seu xuízo, supón un grave prexuízo para a conciliación familiar e laboral, ademais de afectar ao benestar do alumnado.

A voceira municipal do BNG, Carolina Castiñeiras, sinala que este non é un problema puntual, senón unha situación que se repite cada curso nalgún dos centros educativos do concello. «É inaceptable que ano tras ano as familias teñan que mobilizarse para reclamar un servizo básico como é o comedor escolar», afirma.

Na moción, o BNG destaca que a falta de prazas dificulta especialmente a conciliación das familias con horarios laborais incompatibles coa recollida do alumnado ao mediodía e incrementa as desigualdades sociais, ao non dispoñeren todas dos mesmos recursos para afrontar esta situación. Ademais, lembra que o comedor escolar é un servizo fundamental para garantir unha alimentación axeitada durante a xornada lectiva e favorecer o correcto desenvolvemento educativo e persoal dos nenos e nenas.

A formación considera que a responsabilidade de resolver esta problemática corresponde á Consellería de Educación, á que reclama ampliar a capacidade do servizo mediante distintas actuacións, como a ampliación das instalacións, a habilitación de espazos provisionais ou a implantación de quendas que permitan atender todas as solicitudes.

Ao mesmo tempo, o BNG pide ao Goberno municipal que defenda os intereses da veciñanza e esixa á Xunta unha solución inmediata para evitar que ningunha familia quede sen servizo de comedor ao comezo do próximo curso escolar.

Por todo iso, o Grupo Municipal solicitará o apoio da Corporación para instar á Consellería de Educación a atender as demandas das familias do CEIP Otero Pedraio e garantir que todas as solicitudes de praza no comedor escolar sexan resoltas favorablemente.

Outros asuntos

Ademais desta moción, o BNG presentará un rogo para reclamar o arranxo dunha estrada en Lestón de Abaixo e do lavadoiro situado nese lugar. Así mesmo, formulará unha pregunta sobre o estado dos castiñeiros envelenados no adro da igrexa de San Mariño de Lestón.