
Camariñas, 11 de xuño de 2026. O BNG de Camariñas volveu reclamar á Xunta de Galiza a adopción de medidas inmediatas para favorecer a recuperación dos bancos marisqueiros da ría, unha situación que a formación nacionalista cualifica de crítica tras anos de descenso continuado da produción.
A través dunha nova iniciativa parlamentaria presentada polo deputado Óscar Insua, o Bloque insta ao Goberno galego a resolver con urxencia as axudas solicitadas polas mariscadoras para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, así como a incrementar a dotación económica destinada á adquisición de semente para repoboar os areais.
Ademais, os nacionalistas reclaman a creación dunha liña de axudas complementaria ás prestacións do Instituto Social da Mariña (ISM) para garantir ingresos ás mariscadoras durante o período de veda extraordinaria que afecta ao sector.
Segundo explicou o portavoz municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña, na actualidade arredor de quince mariscadoras permanecen activas realizando labores de rexeneración dos bancos marisqueiros. Porén, denunciou que a metade das solicitudes presentadas para acceder ás axudas por cese de actividade foron rexeitadas.
“Sete mariscadoras de Camariñas están a traballar na recuperación dos areais e non van percibir nin un só euro das axudas ao desemprego”, criticou Rodríguez Baña, quen considerou insuficiente a resposta das administracións ante a grave situación do sector.
O portavoz nacionalista tamén acusou á Consellería do Mar de non impulsar un plan estratéxico específico para Camariñas, a pesar de que a localidade leva máis dunha década rexistrando niveis de produción moi baixos.
“A Xunta leva anos evitando afrontar este problema e segue sen ofrecer solucións reais para recuperar os bancos marisqueiros de Camariñas”, afirmou.
Outro dos aspectos denunciados polo BNG é o atraso na resolución das subvencións destinadas á compra de semente. As mariscadoras solicitaron estas axudas no pasado mes de xaneiro co obxectivo de cultivar exemplares baixo rede e reforzar a recuperación dos recursos marisqueiros.
“Estamos xa en xuño, o último mes adecuado para realizar a sementeira, e cinco meses despois a Consellería segue sen resolver unhas axudas fundamentais para o sector”, lamentou Rodríguez Baña.
Reivindicación dun plan baseado en criterios técnicos
Entre as propostas trasladadas ao Parlamento galego, o deputado Óscar Insua tamén solicita que a Xunta analice e execute as recomendacións recollidas nun estudo elaborado polo Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria para a rexeneración da ría de Camariñas.
Segundo explicou o BNG, o informe inclúe diversas actuacións orientadas a estabilizar e recuperar a produción marisqueira, mais denuncian que ningunha delas foi posta en marcha ata o momento.
“Descoñecemos se estas recomendacións foron estudadas pola Consellería ou se están previstas nalgún proxecto futuro. O certo é que non se executou ningunha das medidas propostas”, concluíu o portavoz nacionalista.
O BNG insiste en que a recuperación dos bancos marisqueiros é unha cuestión prioritaria para garantir o futuro laboral das mariscadoras e a sustentabilidade económica dun sector clave para Camariñas e para o conxunto da Costa da Morte.