
O Goberno municipal atribúe a demora á baixa temporal da persoa encargada dunha das sinaturas necesarias para autorizar os pagamentos e asegura que xa se traballa para solucionar a incidencia
Corcubión, 3 de outubro de 2026. O BNG de Corcubión respondeu ás críticas do PSdeG-PSOE polo atraso puntual no pagamento das nóminas do persoal municipal e asegurou que a situación responde a unha incidencia administrativa “puntual” e allea á vontade do Goberno local.
Segundo explica a formación nacionalista nun comunicado, o retraso produciuse pola ausencia por incapacidade temporal da persoa que habitualmente ten entre as súas funcións a sinatura necesaria para autorizar os pagamentos. O BNG sinala que se trata dunha “circunstancia sobrevida” e afirma que desde o primeiro momento o Concello traballou para habilitar outra persoa que puidese realizar as sinaturas necesarias e axilizar a tramitación.
A formación destaca, ademais, que en máis de tres anos de lexislatura non se producira “nin un só retraso” no pagamento das nóminas do persoal municipal. Para o BNG, a situación actual débese á coincidencia temporal dunha ausencia de persoal con determinadas datas da tramitación administrativa.
O Goberno municipal asegura comprender a preocupación dos traballadores e das súas familias e pide desculpas polas molestias que a demora poida ocasionar. “Detrás de cada nómina hai unha familia, unha hipoteca ou un alugueiro, recibos e gastos aos que hai que facer fronte cada mes”, sinala o comunicado.
Críticas ao PSdeG-PSOE
O BNG considera difícil de entender que o PSdeG-PSOE utilice esta situación como elemento de confrontación política e lembra que os socialistas gobernaron Corcubión durante dúas décadas.
A formación nacionalista sostén que quen coñece o funcionamento administrativo dun Concello debería coñecer tamén “as dificultades que poden xurdir ante baixas ou ausencias de persoal” e os tempos necesarios para determinadas tramitacións.
Neste sentido, o BNG acusa o PSdeG de pretender converter unha circunstancia puntual nunha ferramenta de desgaste político e afirma que, despois de máis de tres anos, “quizais sería bo que o PSdeG de Corcubión asumise dunha vez o resultado das urnas”.
A formación chega a cualificar de “carroñerismo político” o uso dunha incidencia administrativa para tentar obter rendemento político e critica especialmente que se poña no foco unha situación relacionada coa saúde dunha traballadora.
Compromiso coa solución
O BNG asegura que continuará traballando para resolver a incidencia “canto antes” e reivindica o labor do persoal municipal para garantir o funcionamento dos servizos públicos.
A formación conclúe reafirmando o seu compromiso de “dar solución aos problemas cando se presentan” e de respectar as persoas que forman parte do Concello e que, segundo destaca, “cada día fan posible que os servizos municipais funcionen”.
