O BNG de Laxe reclama explicacións polo estado da senda entre a DP-4001 e Campo da Torre e pide transparencia ao goberno local

Laxe — O grupo municipal do BNG de Laxe volve poñer o foco na situación da senda que conecta a DP-4001 con Campo da Torre, unha actuación que continúa sen avances un ano despois de que quedase sobre a mesa no pleno do 31 de xullo de 2025 a solicitude dunha subvención da Deputación.

Segundo sinala a formación nacionalista, o goberno local xustificou no seu momento a paralización do proxecto facendo referencia a un suposto informe desfavorable por parte da Deputación. Porén, tras as xestións realizadas polo propio grupo da oposición, aseguran que non existe constancia de dito informe, polo que piden aclaracións públicas ao executivo municipal.

O BNG solicita que, no caso de existir ese documento, sexa presentado de maneira oficial, e se non existe, cuestiona as explicacións ofrecidas polo goberno local na súa comunicación á veciñanza.

Mentres tanto, denuncian que a senda continúa nun estado de deterioro e que o proxecto modificado non foi levado de novo ao pleno nin se avanzou na súa tramitación, o que consideran unha falta de planificación e execución.

O grupo municipal critica o que describe como “escusas reiteradas e exceso de propaganda fronte á falta de actuacións reais”, e reclama ao executivo local máis transparencia e axilidade na xestión das infraestruturas municipais.

Pola súa banda, o BNG de Laxe anuncia que seguirá insistindo no seguimento deste asunto e na esixencia de melloras para as infraestruturas do concello.