O BNG de Muxía reclama unha actuación inmediata nas franxas de seguridade das liñas eléctricas

Muxía, 16 de xullo de 2026. O Grupo Municipal do BNG de Muxía levou ao Pleno ordinario celebrado o pasado 16 de xullo unha moción para reclamar a inspección e a correcta xestión da biomasa nas franxas de seguridade das liñas eléctricas de alta tensión que atravesan o municipio.

A formación nacionalista explica que esta iniciativa responde á preocupación trasladada pola veciñanza ante o estado de numerosas franxas situadas baixo e arredor das liñas eléctricas, nun momento especialmente sensible polo elevado risco de incendios forestais. O BNG lembra que o prazo para executar os traballos preventivos xa estaba superado na data do pleno.

Aínda que a competencia para sancionar ou executar subsidiariamente estes traballos corresponde á Xunta de Galicia, o grupo considera que o Concello debe asumir un papel activo mediante a inspección, documentación e comunicación das deficiencias detectadas, ademais de reclamar a actuación das empresas responsables e das administracións competentes.

Acordos propostos

A moción presentada inclúe catro medidas principais:

  • Realizar de maneira inmediata unha inspección das liñas eléctricas de alta tensión que atravesan o termo municipal, priorizando as zonas con maior risco.
  • Remitir os resultados desa inspección ás empresas titulares, distribuidoras ou xestoras das infraestruturas, requirindo un calendario de actuación e a posterior acreditación dos traballos executados.
  • Dar traslado da situación á Consellería do Medio Rural, á Dirección Xeral de Planificación Enerxética, á Dirección Xeral de Defensa do Monte e ao distrito forestal, solicitando inspeccións urxentes, a identificación das entidades responsables e, se procede, a adopción de medidas cautelares ou a execución subsidiaria dos traballos.
  • Incorporar ao futuro Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais un programa anual de inspección das liñas eléctricas e das súas franxas de seguridade, co obxectivo de que todas as actuacións estean rematadas antes do 31 de maio de cada ano.

Rogos e preguntas

Na quenda de rogos e preguntas, o Grupo Municipal do BNG trasladou tamén varias demandas relacionadas co estado dos servizos e infraestruturas municipais.

Entre elas, preguntou polas actuacións previstas para solucionar as deficiencias do polideportivo municipal, onde denuncian a existencia de goteiras e o mal estado dos vestiarios.

Así mesmo, o BNG interesouse pola valoración do Goberno municipal sobre os traballos de roza realizados co tractor mecanizado nas marxes das vías, indicando que a veciñanza lles trasladou o seu descontento co resultado e preguntando se se adoptarán medidas para mellorar este servizo.

Por último, solicitou a retirada e substitución da sinalización deteriorada existente en estradas, núcleos e praias do municipio. Como exemplo, citaron a falta dun sinal de prohibición de paso para autobuses en Cebráns, pendente desde hai máis de dous anos para evitar problemas de circulación en Fumiñeo e Cebráns, así como a colocación dun sinal de rúa sen saída nos Muíños, reclamado desde hai tres anos para evitar incidencias co acceso de caravanas.