O BNG de Muxía urxe ao Concello a xestionar a restauración dos secadoiros de congro

Os nacionalistas rexistran unha moción na que instan ao goberno municipal a chegar a acordos coas familias propietarias dos elementos etnográficos, ademais de solicitar axudas a outras administracións públicas para garantir a súa conservación

Muxía, 14 de abril de 2026. O BNG de Muxía vén de presentar unha moción na que insta ao Concello a realizar, á maior brevidade, xestións precisas para establecer acordos coas familias propietarias dos secadoiros de congro, que permitan recuperalos e convertelos en espazos de vida e punto de atracción. Así como solicitar axudas e apoio da Deputación da Coruña, Xunta de Galiza e Goberno do Estado para garantir a conservación do patrimonio paisaxístico, cultural e etnográfico ligado a estas instalacións.

Na iniciativa, a formación nacionalista tamén propón promover desde o Concello unha investigación sobre o secado do congro como sistema de conservación, o proceso de adquisición, o procesado e comercialización, a relación histórica con outros lugares, a importancia económica e social na historia muxiá, a súa relación co traballo das mulleres, os materiais empregados e as técnicas propias no proceso de secado. 

Así mesmo, o BNG considera que hai que contemplar a dotación de recursos estruturais para favorecer que se poida seguir secando congro en Muxía, como actividade económica ou con fins educativos, aberto á veciñanza, estudantes e persoas visitantes, para integrar esta riqueza patrimonial no circuíto cultural local.

A portavoz municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, afirmou que “entendemos, ao igual que a veciñanza, que os secadoiros son un elemento do noso patrimonio cultural que non pode quedar esquecido e desaparecer; están no noso ADN cultural e social”.

A voceira nacionalista subliñou que “cremos que o Concello debe de tomar medidas claras para preservar os valores culturais  desta actividade”. E tamén pensa que as autoridades municipais deben de guiar un proceso para declarar o congro seco como “alimento con características tradicionais”, para tentar dignificar e pór en valor este sistema tradicional de conservación.

“Sería conveniente asociar a Festa do Congro con algo máis cunha comida na lonxa. Poderían facerse obradoiros e demostracións de como se secaba o congro, ademais de colgada de produto nas cabrias e con efecto sobre a paisaxe. En definitiva, unha actuación máis integral e multisectorial”, concluíu Barrientos.