
Os nacionalistas advirten de vías con fochancas, cunetas cubertas de broza, accesos a praias en mal estado, lavadoiros sen arranxar, marquesiñas rotas, parques infantís co perímetro e equipamentos enferruxados, bancos sen ancoraxes, e indicadores ilexibles
Muxía, 17 de xuño de 2026. O BNG de Muxía urxiu ao goberno local a que proceda a reparar diversas infraestruturas e equipamentos de titularidade municipal que están en estado ruinoso. Os nacionalistas sinalaron que veñen denunciando esta situación, que acontece por todo o concello, desde o inicio deste mandato, e reclamaron ao equipo de goberno “que se poña a traballar en serio, porque Muxía non pode esperar máis”.
“Ante a inacción do actual goberno municipal é preciso lembrar que tarefas de mantemento e recuperación de vías e instalacións municipais seguen a esperar mentres xa se achega o mes de xullo”, advertiu o BNG, que afirmou que “é o caso das vías cheas de fochancas e o das cunetas cubertas de broza en moitas parroquias do concello, que fan a circulación perigosa pola falta de visibilidade e polo estado do firme”.
Os nacionalistas de Muxía tamén fixeron pé nos accesos ás praias e os equipamentos destas, e nas fontes e lavadoiros municipais, “que seguen igual de arruinados que durante o mandato de Santiago Toba, sen que se acometeran labores de reparación e de substitución, que son moi necesarias”.
A portavoz municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, reuniuse co alcalde para trasladarlle a súa preocupación pola inacción do goberno local. Na reunión, o rexedor trasladou que non disporá dos fondos do orzamento 2026 ata o día 19 de xuño, sinalando que este era o impedimento para acometer estes arranxos e outras inversións de maior calado, como as das depuradoras e vías municipais. Mercé Barrientos instouno a que en canto dispoña dos fondos os dedique ás obras necesarias, máis reclamou que “xestións mínimas que non requiren de grandes inversións sigan sen ser acometidas mentres a deterioración e o abandono das parroquias continúan”.
A voceira nacionalista denunciou, así mesmo, o estado no que se atopa algunha das marquesiñas nas que os escolares esperan o transporte, como a de Lourido, a poucos metros do parador de turismo Costa da Morte, cos vidros rompidos durante anos sen que se procedera á súa reparación. “Os escolares e outros usuarios non puideron resgardarse da chuvia en todo o inverno e así segue, así que haberá que reparala antes do inicio do novo curso escolar”, afirmou.
Barrientos engadiu outros exemplos “dunha xestión deficiente que contribúe a dar unha mala imaxe do concello e que poderíase arranxar sen que o custo fose un obstáculo”. Trátase da presenza de fochancas por reparacións que non foron tapadas; equipamentos como bancos sen ancoraxes (como o que está a carón da capela de Quintáns) ou que foron retirados temporalmente hai máis dun ano e xa non foron repostos (como un banco da praza do Cabo da Vila); parques infantís co perímetro e os equipamentos arruinados ou enferruxados (como en Quintáns ou Viseo); ou indicadores e sinais ilexibles, como os da área de caravanas na entrada do pobo e o que se atopa diante da Casa do Concello, que están completamente enferruxados.
A portavoz do BNG explicou que “levan anos así, sen que se proceda á súa reparación ou substitución; mesmo hai algún cartel informativo de obras feitas hai décadas, tanto que o prezo está recollido en pesetas, o que dá unha idea dos anos que leva sen ser retirado”.