O BNG de Ponteceso reclama o inicio inmediato das obras da Senda de Lestimoño tras máis de tres anos de espera

O BNG de Ponteceso denuncia o inaceptable atraso na execución da Senda de Lestimoño, unha actuación considerada fundamental para garantir a seguridade das veciñas e veciños que transitan diariamente por esta zona.

Logo de máis de tres anos desde que se completaron as expropiacións necesarias para facer posible o proxecto, a formación nacionalista asegura que non entende cales son os impedimentos que están a atrasar o inicio das obras por parte do Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña.

Ante esta situación, o BNG rexistrou onte unha solicitude dirixida a este departamento para coñecer os motivos do atraso e, sobre todo, para saber cando está previsto que comecen finalmente os traballos.

Desde o BNG lembran que a Senda de Lestimoño é unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza e insisten en que a súa ausencia obriga a moitas persoas a desprazarse diariamente pola marxe da estrada, nunhas condicións que consideran perigosas.

«Sen a Senda de Lestimoño, as veciñas e veciños poñen a súa vida en risco cada día», sinalan desde a organización, que considera urxente que a Deputación deixe de demorar unha actuación que leva anos comprometida e que resulta imprescindible para mellorar a seguridade viaria.

O BNG de Ponteceso reclama á Deputación da Coruña que dea explicacións sobre o estado do expediente e que fixe unha data concreta para o inicio das obras, poñendo fin a unha espera que cualifican de inxustificable para a veciñanza afectada.