O BNG reclama á Xunta medidas urxentes e eficaces para frear os danos do xabaril na Costa da Morte e Bergantiños

Costa da Morte-Bergantiños, 13 de xuño de 2026. O BNG volveu poñer o foco na problemática provocada pola crecente presenza de xabarís nas comarcas da Costa da Morte e Bergantiños, onde os danos nas explotacións agrarias e gandeiras continúan aumentando. O deputado nacionalista Oscar Insua rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta de Galiza a adoptar medidas “eficaces e contundentes” que permitan controlar a situación.

Entre as propostas presentadas, o Bloque demanda a elaboración dun censo “obxectivo e real” da poboación de xabarís nas dúas comarcas, así como a posta en marcha inmediata de actuacións que eviten os danos nos cultivos. Ademais, solicita un incremento das axudas destinadas ás persoas afectadas polas desfeitas causadas por estes animais.

Segundo explicou Insua, os episodios de danos multiplicáronse nos últimos meses en concellos como Cabana de Bergantiños ou Dumbría, onde numerosos gandeiros denuncian perdas continuas nos seus cultivos e prados. “A situación está descontrolada e os danos van a máis. O PP non pode mirar para outro lado, ten que actuar xa”, advertiu o deputado.

Desde o BNG lembran que as medidas impulsadas pola Consellería de Medio Ambiente afectaron a determinados tecores de Bergantiños, pero deixaron fóra os da Costa da Morte, onde o pasado ano non se declarou a emerxencia cinexética. Ademais, a formación nacionalista sinala que estas actuacións xeraron desacordos entre a Federación Galega de Caza, asociacións ecoloxistas e a propia Xunta, debido, entre outras cuestións, á ausencia dun estudo rigoroso sobre a poboación de xabarís.

“O problema non se pode seguir afrontando con solucións parciais nin con pequenas axudas económicas que non resolven a situación de fondo”, sostén o Bloque. A formación lembra que a xestión da fauna salvaxe é competencia directa da Xunta e considera necesario que o Goberno galego asuma a súa responsabilidade para aplicar medidas máis eficaces que permitan reducir os danos ao sector agrario.

Insua advertiu tamén de que a campaña do millo acaba de comezar e que os ataques xa se están producindo en numerosas parcelas. “Acaba de sementarse o millo e xa están atacando os cultivos. Hai gandeiros que incluso esgotaron as axudas porque o xabaril leva meses fozando nos prados de herba. Ademais de ser insuficientes, as compensacións non chegan para cubrir as perdas”, afirmou.

O deputado nacionalista concluíu reclamando unha actuación inmediata da Xunta para evitar que a situación continúe agravándose e garantir a viabilidade das explotacións agrarias e gandeiras da Costa da Morte e Bergantiños.