O BNG reclama á Xunta unha revisión integral do transporte público en Bergantiños e Costa da Morte

Oscar Insua leva ao Parlamento galego unha batería de iniciativas para mellorar frecuencias, horarios, conexións e información aos usuarios, así como para reforzar o control das concesións

Costa da Morte-Bergantiños, 24 de setembro de 2026. O deputado do BNG no Parlamento galego Oscar Insua presentou unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta de Galicia unha mellora integral do transporte público por estrada nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte.

As propostas dos nacionalistas céntranse en avaliar as principais carencias do actual servizo, especialmente en materia de frecuencias, horarios, capacidade, itinerarios e conexións, así como en adoptar medidas que permitan responder aos problemas denunciados polas persoas usuarias.

Entre as medidas formuladas figura o incremento das frecuencias das liñas nas que a demanda provoca falta de capacidade ou impide acceder ao servizo, especialmente nos períodos de maior afluencia. O BNG reclama, ademais, que o acceso aos autobuses se garanta con criterios obxectivos, transparentes e iguais para todas as persoas usuarias, sen establecer prioridades en función do destino final.

A formación nacionalista tamén considera necesario reforzar as conexións directas entre Bergantiños, Costa da Morte e as principais cidades de referencia, aumentando o número de liñas cando sexa necesario.

Atención específica ao alumnado

Outra das iniciativas presentadas por Insua pide á Xunta a elaboración dun estudo específico sobre as necesidades de mobilidade do alumnado de ensino post-obrigatorio destas comarcas.

O obxectivo sería identificar os problemas de coordinación entre os horarios dos centros educativos e os das distintas liñas de autobús, co fin de adaptar o servizo ás necesidades reais do alumnado.

Información en tempo real e mellor control das concesións

O BNG propón tamén introducir progresivamente na plataforma bus.gal información en tempo real sobre a localización dos vehículos, incidencias, cancelacións e modificacións do servizo nas principais liñas de Bergantiños e Costa da Morte.

A iniciativa inclúe igualmente unha revisión da información dispoñible nas paradas e estacións para facilitar que as persoas usuarias poidan coñecer con antelación posibles cambios ou incidencias.

Por outra banda, Insua reclama reforzar os mecanismos de inspección e seguimento das concesións de transporte público que operan nas dúas comarcas e aplicar, cando corresponda, as medidas contractuais previstas ante posibles incumprimentos das condicións do servizo.

O deputado considera que estas actuacións son necesarias para evitar que se repitan problemas como os denunciados por usuarios que quedan sen poder acceder aos autobuses ou que sofren limitacións relacionadas co seu destino.

“É necesario revisar na súa totalidade o servizo”

Oscar Insua sinalou que existe un “descontento xeral co servizo de transporte de autobús”, ao tratarse ademais do principal medio de transporte público dispoñible para boa parte da poboación destas comarcas.

Segundo explicou, existen problemas que se repiten diariamente, como persoas que quedan sen poder viaxar en dirección á Coruña ou Carballo, situacións que, ao seu xuízo, “non se dan resolto, a pesar das queixas”.

O deputado do BNG defendeu que a acumulación de problemas fai necesaria unha revisión global: “Son tantos problemas, que é necesario revisar na súa totalidade o servizo para facer os axustes tanto no servizo de transporte ordinario de viaxeiros como no transporte escolar”.

Insua agarda que as iniciativas presentadas no Parlamento permitan avanzar na solución das demandas existentes e reclama á Xunta que actúe con rapidez para mellorar o transporte público en Bergantiños e na Costa da Morte.