
Oscar Insua presenta iniciativas no Parlamento para reclamar, cando menos, tres docentes máis, o desdobramento de primeiro da ESO, reforzos na FP e a reparación das deficiencias das instalacións
Ponteceso, 21 de novembro de 2026. O BNG reclama á Xunta de Galiza unha actuación urxente no IES Eduardo Pondal de Ponteceso para atender as necesidades de persoal docente, reducir as ratios, garantir unha atención adecuada á diversidade e solucionar as deficiencias que presenta o centro educativo. O deputado nacionalista por Bergantiños e Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixir ao Goberno galego que dote o instituto dos recursos necesarios para garantir unha educación pública de calidade.
Entre as demandas formuladas figura o incremento do cadro docente con, cando menos, tres profesores e profesoras adicionais, tendo en conta as necesidades derivadas da redución da xornada lectiva, da ampliación da oferta educativa e da insuficiencia de profesorado en determinadas especialidades, así como o número de alumnado matriculado.
O parlamentario nacionalista solicita tamén o desdobramento do grupo de primeiro da ESO, co obxectivo de reducir as ratios e mellorar as condicións de ensino e aprendizaxe. Así mesmo, reclama que se garantan os recursos especializados necesarios para atender a diversidade do alumnado, evitando que a falta de persoal comprometa unha educación inclusiva e unha atención individualizada.
As iniciativas do BNG inclúen igualmente o reforzo dos recursos humanos destinados á Formación Profesional, con persoal suficiente para o apoio nos talleres, a coordinación da FP Dual e a continuidade do ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia.
Reparacións pendentes nas instalacións
O BNG demanda, ademais, que a Xunta resolva as deficiencias existentes nas instalacións do IES Eduardo Pondal, especialmente a reparación da cuberta do salón de actos e a finalización das obras do taller de automoción no menor prazo posible, garantindo que os traballos se desenvolvan sen prexudicar a actividade lectiva.
Desde a formación nacionalista consideran que a acumulación destas carencias está condicionando o funcionamento do centro e limitando a súa capacidade para ofrecer unha atención educativa individualizada, inclusiva e de calidade.
Oscar Insua advertiu de que a Consellería de Educación deberá dar explicacións no Parlamento sobre a situación do instituto e os recortes de profesorado que, segundo denuncia, está a padecer o centro. “Estamos fartos na comarca destas políticas populares de recortar e recortar profesores”, afirmou.
O deputado do BNG incidiu na necesidade de defender os servizos públicos e reclamou que a Xunta deixe de desatender as necesidades dos centros educativos, garantindo os medios humanos e materiais que require o alumnado.
O BNG acusa o goberno municipal de falta de reivindicación
Pola súa banda, a portavoz municipal do BNG de Ponteceso e candidata á alcaldía, Fátima Rodríguez, criticou a falta de recursos destinados pola Xunta ao ensino público e considerou que a situación do IES Eduardo Pondal evidencia, unha vez máis, o abandono das necesidades básicas da veciñanza.
Rodríguez cuestionou tamén a actitude do goberno municipal, ao que acusa de non exercer presión suficiente ante a Administración autonómica para reclamar solucións. “O goberno municipal, coa súa posición de submisión ante a Xunta, é cómplice desta situación”, sinalou.
A portavoz nacionalista reprochou que se prioricen investimentos de maior impacto propagandístico fronte ás necesidades reais da comunidade educativa e censurou a falta de compromiso municipal para esixir o cumprimento das responsabilidades da Xunta.
O BNG insiste en que o IES Eduardo Pondal precisa unha resposta inmediata e compromisos concretos por parte do Goberno galego, tanto no ámbito do persoal e da atención educativa como no mantemento e mellora das instalacións, para garantir que o alumnado de Ponteceso poida recibir unha educación pública en condicións dignas e de igualdade.
