O Centro Sociocultural de Zas acolle un obradoiro práctico sobre horta ecolóxica e rexenerativa

O vindeiro venres 12 de xuño, o Centro Sociocultural de Zas será escenario do obradoiro “Consellos para a horta”, impartido por Nuska Chousa, unha proposta dirixida a todas aquelas persoas interesadas en aprender a cultivar de forma natural, sostible e respectuosa co medio ambiente.

A actividade ofrecerá unha formación práctica, amena e participativa, pensada tanto para quen se inicia no mundo da horticultura como para aquelas persoas que desexan ampliar os seus coñecementos sobre horta ecolóxica, rexenerativa e saudable.

Durante a sesión abordaranse cuestións fundamentais para o coidado da horta, como a preparación da terra, a elaboración de semilleiros, a rotación de cultivos e a importancia dos organismos beneficiosos, entre eles as xoaniñas e as miñocas. Ademais, as persoas asistentes poderán coñecer técnicas sinxelas de compostaxe e vermicompostaxe doméstica, así como tratamentos naturais para previr e combater pragas e enfermidades habituais.

O obradoiro celebrarase ás 17:00 horas e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 981 708 303.

Esta iniciativa busca fomentar prácticas agrícolas sostibles, promover o autoconsumo e contribuír ao coidado do medio ambiente a través dunha xestión máis natural e responsable das hortas familiares.