
O Concello de Vimianzo denuncia os graves actos vandálicos rexistrados no parque infantil de Carnés durante a celebración das festas de San Cristovo, uns feitos que provocaron importantes danos nas instalacións e deixaron practicamente destruído o peche perimetral, ademais de afectar de maneira significativa á zona de xogos.
Desde o Goberno local lamentan profundamente que un espazo creado para o lecer, a convivencia e o desfrute das nenas e dos nenos sexa obxecto deste tipo de comportamentos incívicos. Ademais do importante custo económico que suporá a reparación dos danos, esta situación impide que a infancia poida facer uso dun lugar seguro para xogar mentres non se restitúan as instalacións.
O Concello fai un chamamento á colaboración cidadá para esclarecer o sucedido. Así, solicita que calquera persoa que presenciase os feitos ou dispoña de información que poida contribuír á identificación das persoas responsables a traslade ao propio Concello ou ás forzas e corpos de seguridade.
Paralelamente, a administración municipal informa de que se porán en marcha as investigacións oportunas para determinar o ocorrido e depurar as responsabilidades que correspondan.
Desde o Concello de Vimianzo insístese en que o coidado do patrimonio público é unha responsabilidade compartida por toda a cidadanía. O respecto polos espazos comúns é tamén un compromiso coa convivencia e, especialmente, co benestar das nenas e dos nenos, principais usuarios dun parque infantil que agora permanece danado á espera da súa reparación.










