O Concello de Vimianzo licita as obras de mellora do viario Carnio–Serramo

O Concello de Vimianzo vén de sacar a licitación as obras de mellora do viario municipal que conecta os núcleos de Carnio e Serramo, unha actuación que contará cun investimento total de 179.465,92 euros e que permitirá reforzar as condicións de seguridade e circulación nesta vía local.

O proxecto contempla a pavimentación do viario mediante aglomerado asfáltico, así como a execución de canalizacións destinadas á correcta recollida e evacuación das augas pluviais, co obxectivo de mellorar a durabilidade da estrada e evitar problemas derivados da escorrentía.

O prazo estimado para a execución das obras será de seis meses desde o inicio dos traballos.

As empresas interesadas en participar neste proceso de contratación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de xuño de 2026 ás 23:59 horas, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

Desde o goberno municipal destacan que esta actuación forma parte da aposta continua pola mellora das infraestruturas viarias municipais e pola prestación duns servizos públicos de maior calidade para a veciñanza.