O Concello executa dúas obras na rede hidráulica con apoio de Augas de Galicia

O Concello vén de rematar dúas actuacións de mellora na rede hidráulica municipal, financiadas a través de subvencións de Augas de Galicia dentro dun programa da Xunta destinado á modernización de infraestruturas básicas de abastecemento e saneamento.

A primeira intervención realizouse na estación de tratamento de auga potable, onde se procedeu á renovación da tubaxe de impulsión que atravesa o río Barcala. Ademais, levouse a cabo a dixitalización do sistema, cun investimento total de 53.773 euros.

Por outra banda, no rego de Duomes executouse a rehabilitación dun tramo do colector de augas residuais ao seu paso pola zona da Restreva. O obxectivo principal desta actuación foi evitar filtracións na rede, incorporando tamén melloras de dixitalización. O investimento nesta obra ascendeu a 53.774 euros.

O alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, destacou que estas actuacións responden á planificación do equipo de goberno, baseada en informes técnicos sobre as necesidades prioritarias do municipio. “Isto é debido a que o equipo de goberno ten unha programación e unha previsión cos informes das necesidades e prioridades que se deben levar a cabo no noso concello”, sinalou.

Estas actuacións enmárcanse na estratexia municipal de mellora dos servizos básicos e optimización da xestión da auga.