
Carballo. O Handball Festival, organizado polas Escolas Balonmán Xiria, converterá esta fin de semana a Carballo no epicentro do balonmán base galego coa celebración da súa décima edición. O evento, plenamente consolidado no calendario deportivo, reunirá entre o venres e o domingo a máis de 540 nenos e nenas pertencentes a equipos de formación, ademais de preto dun milleiro de familiares que acompañarán aos participantes.
A presentación oficial do torneo tivo lugar nas instalacións de Alda Hoteis (antigo Punta del Este), unha das empresas colaboradoras do evento. No acto participaron a coordinadora do festival, Jessica Posse; o vicepresidente de Balonmán Xiria, José Antonio Rodríguez Fraga; Enrique Camiñas, en representación de Alda Hoteis; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez.
Segundo destacaron Jessica Posse e José Antonio Rodríguez Fraga, esta edición marca un novo fito polo seu volume de participación e polas novidades incorporadas. Entre elas figura o cambio de datas, xa que tradicionalmente o festival celebrábase durante a Semana Santa, e a incorporación por primeira vez de cinco clubs procedentes de Asturias.
A actividade deportiva arrancará na tarde do venres coas categorías de prebenxamín e biberóns. O sábado concentrará a maior parte da competición, coa participación dos equipos benxamíns e alevíns, mentres que o domingo pola mañá terá lugar a fase final do torneo e a entrega de trofeos que servirá de clausura.
Durante a presentación, os responsables de Balonmán Xiria agradeceron o apoio institucional e empresarial que permite facer fronte á complexa organización dun evento destas características. Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, destacou a importancia formativa do torneo e da entidade organizadora. “As Escolas de Balonmán Xiria son unha auténtica escola de vida”, afirmou, lembrando a súa propia experiencia como xogador formado no club carballés.
Na mesma liña, o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, puxo o foco no valor das experiencias compartidas que xorden arredor do deporte base. “Moitas veces o que queda son os torneos, as viaxes e as convivencias, que son as que realmente marcan aos deportistas”, sinalou.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou o dobre impacto que iniciativas deste tipo teñen para o municipio. Ademais da súa dimensión deportiva e educativa, subliñou a repercusión económica e social que supón a chegada de máis dun milleiro de visitantes durante tres días. “Xiria e a Federación son un modelo de entender o deporte e a xestión co que concordamos plenamente”, manifestou.
O Handball Festival conta coa colaboración do Concello de Carballo e co patrocinio de diversas empresas locais, que contribúen a garantir os servizos necesarios para o desenvolvemento dunha cita que volverá encher de actividade e ambiente deportivo os pavillóns Vila de Noia e Fogar.