
Vimianzo, 10 de xuño de 2026. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vimianzo abstívose na votación do Plan de Obras e Servizos (POS) presentada polo goberno municipal durante a sesión plenaria celebrada este mércores. A formación nacionalista explicou que a súa posición responde a unha valoración mixta da proposta, na que recoñece actuacións que considera necesarias, pero cuestiona a distribución dos fondos.
Entre os investimentos valorados positivamente polo BNG destacan a intervención na ponte de Pasarela e a construción dunha pista multideporte. Porén, os nacionalistas amosaron o seu desacordo coa decisión do executivo local de destinar arredor do 90 % dos recursos a gasto corrente e pequenas actuacións puntuais, reservando só o 10 % para investimentos.
Segundo o grupo municipal, esta distribución evidencia unha falta de planificación estratéxica e aposta por actuacións de escasa entidade fronte a proxectos con maior impacto de futuro para o concello.
No mesmo pleno, o BNG votou en contra da nova ordenanza de taxas para o uso de espazos municipais. A formación considera que estas instalacións deben manter a súa función social como lugares de encontro e convivencia para a veciñanza.
“Os espazos municipais favorecen a convivencia e axudan a combater a soidade non desexada, polo que cobrar polo seu uso habitual vai en contra da finalidade para a que foron creados”, sinalaron desde o grupo nacionalista.
En relación coa Relación de Postos de Traballo (RPT), o BNG optou pola abstención. Os nacionalistas criticaron a desestimación das alegacións presentadas por varios traballadores e cuestionaron determinados criterios de valoración que, ao seu xuízo, establecen diferenzas arbitrarias entre distintos grupos laborais.
Durante a quenda de rogos e preguntas, o grupo municipal trasladou diversas demandas veciñais ao goberno local. Entre elas, solicitaron a construción de beirarrúas en Vilaseco, a adopción de medidas de seguridade na canteira de Caxadas e actuacións destinadas a mellorar a seguridade viaria e os accesos nas zonas de Ogas e na estrada Areosa-Salto.
O BNG asegurou que continuará defendendo iniciativas orientadas a mellorar os servizos públicos, a seguridade das infraestruturas e a calidade de vida da veciñanza do municipio.