O Muíño de Mareas de Cereixo avanza cara á súa conversión en museo

O Concello de Vimianzo deu un novo paso para facer realidade a creación e xestión dun museo no Muíño de Mareas de Cereixo, un dos elementos patrimoniais máis singulares de Galicia e o único deste tipo na Costa da Morte.

O pleno municipal aprobou a concesión do espazo, de algo máis de 200 metros cadrados, o que permitirá ao Concello dispoñer do inmoble durante quince anos, con opción a outros quince. Deste xeito, a Administración local poderá avanzar na posta en valor dun enclave emblemático do patrimonio de Cereixo.

O proxecto museístico xa está deseñado e, coa concesión xa formalizada, o principal obxectivo pasa agora por conseguir a financiación necesaria para a súa execución. A intención do Concello é presentar este ano a iniciativa ás axudas do Galp.

Precisamente, a falta desta concesión foi o motivo polo que o proxecto tivo que renunciar á convocatoria do ano pasado. Unha vez resolto este trámite, Vimianzo confía en poder recuperar a iniciativa e obter os fondos necesarios para transformar o antigo muíño de mareas nun novo espazo cultural e de divulgación do patrimonio local.

O Muíño de Mareas de Cereixo, datado no século XVII, está considerado un dos muíños de mareas máis antigos de Galicia. A súa recuperación como museo permitirá divulgar a singularidade arquitectónica do inmoble e a tradición ligada ao aproveitamento das mareas, ao tempo que contribuirá a reforzar a oferta cultural e turística de Vimianzo e da Costa da Morte.