O pavillón municipal de Laxe renova as súas instalacións cun investimento de case 34.000 euros da Xunta

O pavillón municipal de Laxe foi obxecto de diversas obras de mellora e renovación grazas a unha achega da Xunta de Galicia de case 34.000 euros, destinada a actualizar unhas instalacións que contan con máis de 30 anos de antigüidade e que rexistran unha intensa actividade, con máis de 2.000 persoas usuarias cada mes.

Os traballos realizados permitiron renovar diferentes espazos deportivos e mellorar as condicións de uso das instalacións. Entre as actuacións levadas a cabo destacan a reparación e o pintado dos espazos interiores da pista e dos vestiarios, tanto do pavillón municipal como do campo de fútbol.

Ademais, acometeuse a reparación do salvaescaleiras e a substitución da carpintería interior dos vestiarios, intervencións orientadas a mellorar a accesibilidade, a seguridade e a comodidade das persoas usuarias.

Estas actuacións permiten poñer ao día unhas infraestruturas cunha elevada utilización por parte da veciñanza, contribuíndo a ofrecer unhas instalacións deportivas máis accesibles, seguras e adaptadas ás necesidades actuais.

A Xunta de Galicia continúa colaborando cos concellos para impulsar a mellora das infraestruturas e dos servizos públicos, especialmente nos municipios de menor tamaño, co obxectivo de garantir que toda a cidadanía poida dispoñer de instalacións dignas e de calidade, independentemente do lugar no que resida.