
O Partido Popular de Arzúa denuncia o estado de papeleiras e colectores no itinerario xacobeo ao seu paso polo municipio e pide ao Concello que reforce o servizo de limpeza.
O PP de Arzúa denuncia a acumulación de lixo en papeleiras e colectores situados no Camiño Francés ao seu paso polo municipio. Segundo a formación popular, a situación resulta especialmente preocupante durante o mes de outubro, unha época na que numerosos peregrinos percorren esta ruta xacobea.
A través dunha imaxe tomada hoxe, o PP local amosa varios puntos de recollida de residuos cheos e cuestiona a resposta do goberno municipal ante esta situación.
Desde a formación consideran que esta imaxe non é a que Arzúa debe ofrecer ás persoas que visitan o concello e lembran a importancia do Camiño de Santiago como atractivo turístico e elemento fundamental da identidade local.
Máis frecuencia na recollida e mellor xestión
O PP de Arzúa reclama ao Concello que adopte medidas para mellorar a limpeza e garantir que os colectores e as papeleiras se manteñan en condicións adecuadas.
A formación sostén que, se o servizo actual de recollida non é suficiente para atender as necesidades do municipio, cómpre reforzalo e incrementar a frecuencia de retirada dos residuos.
O grupo popular insiste na necesidade de actuar para evitar que a acumulación de lixo se converta nunha situación habitual e reclama unha maior atención aos espazos polos que transitan diariamente veciños e peregrinos.
Con esta denuncia, o PP de Arzúa pide unha mellor xestión dos residuos e máis medios para manter limpo o itinerario xacobeo, especialmente nunha época de importante afluencia de visitantes.
