
Paula Mouzo critica o descenso do resultado orzamentario, cuestiona a transparencia nas adxudicacións e reclama máis medios durante as Festas do Carmen
O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Camariñas alertou do que cualifica como «grave descontrol financeiro» nas arcas municipais e denunciou o «absoluto abandono» que, ao seu xuízo, padecen as parroquias do municipio.
A voceira popular, Paula Mouzo, realizou estas declaracións durante o debate da Conta Xeral correspondente ao exercicio 2025, no que os populares cuestionaron a situación económica do Concello e criticaron o «triunfalismo» do Goberno local.
Segundo explicou Mouzo, o resultado orzamentario rexistrou un descenso de 850.000 euros con respecto ao exercicio anterior. «O que de verdade asusta é o desaforro neto, que pasou de 958.000 euros en 2023 a 1,7 millóns deste ano», sinalou a portavoz do PP, quen asegurou que esta evolución implica que o Concello está gastando máis do que ingresa.
Os populares tamén puxeron o foco na contratación municipal. Neste sentido, denunciaron que arredor do 30% das adxudicacións dun orzamento próximo aos sete millóns de euros se realizan, segundo a súa interpretación, «a dedo». Para o PP, esta situación constitúe un exemplo dun proceder «sen transparencia» e que, segundo afirmaron, acumula continuos reparos por parte da Intervención municipal.
O PP reclama máis implicación nas Festas do Carmen
Durante a súa intervención, Paula Mouzo tamén reclamou unha maior implicación do Goberno local nas Festas do Carmen e defendeu a necesidade de apostar «de forma clara e rotunda» por esta celebración.
O grupo popular votou a favor da solicitude para que as Festas do Carmen sexan declaradas Festa de Interese Turístico de Galicia, pero considera que esta iniciativa debe ir acompañada dunha maior implicación municipal.
Entre as medidas reclamadas figura un reforzo da limpeza e dos servizos durante os días de celebración. «Non podemos permitir que durante as festas as rúas se convertan en ouriñais públicos», afirmou Mouzo, que reclamou a posta en marcha dun servizo específico de limpeza, a instalación de baños públicos e unha maior presenza policial durante os festexos.
Reclamacións nas parroquias
O PP de Camariñas aproveitou tamén o debate para reiterar a súa demanda de crear un punto limpo municipal e denunciar diversas deficiencias que, segundo a formación, se acumulan nas distintas parroquias.
En O Riás (Camariñas), os populares sinalan a existencia dunha gabia sen protección na que hai uns días caeu un vehículo, así como a presenza de baches na rúa Fonte Barreira, que, segundo denuncian, foron obxecto de sucesivos parcheos. Tamén reclaman o acondicionamento da beirarrúa e da rampla situada entre O Percebe e o Froiz.
En Santa Mariña, Arou e Lobeiras, a formación popular denuncia o estado da estrada e reclama actuacións de mantemento.
No caso de Arou, solicitan reparar e limpar a reixa situada na subida ao centro cultural, mentres que en Camelle reclaman a instalación de papeleiras e o acondicionamento da zona da Veleta.
En Xaviña, o PP pide o arranxo e a posta en valor do lavadoiro de Tasaraño.
Por último, os populares denuncian o estado da zona da Grixa, en Ponte do Porto, onde aseguran que existen farolas sen iluminación na recta principal, un sinal de tráfico tirado no chan desde hai tempo e varios buratos nas beirarrúas. Tamén reclaman a limpeza do camiño do Sixto.
A formación popular considera que estas actuacións evidencian, ao seu xuízo, a necesidade de reforzar o mantemento das infraestruturas e dos espazos públicos nas distintas parroquias do municipio.
