
Os populares consideran que Alberto Romar debe liderar as xestións administrativas e impulsar proxectos para resolver os problemas de abastecemento do municipio.
O Partido Popular de Santa Comba criticou que o alcalde, o socialista Alberto Romar, estea a solicitar sinaturas aos veciños para reclamar solucións aos problemas de abastecemento de auga que sofre o municipio. Para os populares, esta iniciativa evidencia unha falta de iniciativa do goberno local ante unha situación que, ao seu xuízo, require xestión, planificación e medidas concretas.
Desde o PP consideran que os veciños teñen todo o dereito a expresar a súa preocupación e reclamar un servizo esencial en condicións, pero cuestionan que o rexedor precise recorrer á recollida de sinaturas para impulsar actuacións que, segundo sinalan, forman parte das súas responsabilidades como alcalde.
Os populares sosteñen que a solución aos problemas de abastecemento pasa por elaborar proxectos, identificar as necesidades existentes, buscar financiamento e manter reunións coas administracións competentes para conseguir os investimentos necesarios. Neste sentido, apuntan directamente a Alberto Romar, a quen instan a solicitar encontros coa Xunta, presentar as memorias técnicas correspondentes e tramitar as axudas dispoñibles.
O PP considera, ademais, que existen mecanismos administrativos e institucionais para reclamar investimentos e colaboración doutras administracións, polo que cuestiona que a recollida de sinaturas se presente como unha vía para avanzar na resolución do problema.
O PP reclama máis xestión e menos accións de imaxe
A formación popular advirte de que a mobilización cidadá corre o risco de converterse nunha campaña de imaxe se non vai acompañada de actuacións concretas para mellorar as infraestruturas e garantir o abastecemento de auga.
Neste contexto, os populares critican o que consideran unha excesiva atención do goberno municipal ás fotografías, ás publicacións nas redes sociais e aos actos de comunicación, fronte á necesidade de impulsar proxectos e resolver os problemas que afectan á veciñanza.
«A xestión mídese polos proxectos que se presentan, polas axudas que se solicitan, polas obras que se executan e polos problemas que se solucionan», defenden desde o PP, que insiste en que a actividade municipal debe traducirse en resultados.
Por último, os populares mostran a súa preocupación pola resposta do goberno local ante as dificultades de abastecemento e aseguran que, ao seu xuízo, non se aproveitaron todas as posibilidades existentes nos últimos anos para anticiparse aos problemas e mellorar as infraestruturas municipais.
O PP de Santa Comba reclama así que o Concello priorice a planificación e a interlocución coas administracións competentes para avanzar cara a unha solución efectiva aos problemas de abastecemento de auga.

