
O Partido Popular de Santa Comba expresou o seu profundo descontento polo estado no que se atopa a Fervenza de Castriz durante este verán, un dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio e un dos seus principais reclamos turísticos.
Os populares consideran «incomprensible» que un lugar de tanta importancia presente unha imaxe de abandono tan evidente, especialmente nunha época na que recibe un maior número de visitantes. Segundo denuncian, no recinto poden observarse tubaxes saíndo da terra, as zonas de churrasqueiras cheas de sucidade, maleza invadindo as escaleiras, bancos deteriorados, a pasarela en mal estado e o muíño, xunto con outros espazos, sen o mantemento que precisan.
Desde o PP lembran que a Fervenza de Castriz é unha das principais cartas de presentación de Santa Comba e consideran que o seu estado actual prexudica tanto a imaxe do concello como o potencial turístico da zona.
Por este motivo, o grupo popular insta ao alcalde, Alberto Romar, e ao Goberno municipal a actuar con urxencia, poñendo en marcha os traballos de limpeza, conservación e mantemento necesarios para recuperar este espazo natural.
O Partido Popular subliña que Santa Comba debe apostar decididamente polo turismo como motor de desenvolvemento, pero advirte de que ese obxectivo pasa necesariamente por coidar e manter en boas condicións os seus principais recursos naturais e patrimoniais. «Non é suficiente con promocionar o concello; tamén é imprescindible ofrecer aos visitantes unha imaxe acorde co valor dos espazos que nos identifican», conclúen.



