Denuncian actos de incivismo na área recreativa de Gabenlle, na Laracha

Veciños e usuarios habituais da área recreativa de Gabenlle, no concello da Laracha, denuncian a reiterada presenza de lixo abandonado tras reunións e celebracións no espazo público.

Segundo explican, despois de diversas xuntanzas é habitual atopar confeti, vasos e cubertos de plástico, manteis, latas de cervexa e refrescos, así como outros residuos espallados pola zona, ofrecendo unha imaxe de abandono nun lugar destinado ao lecer e ao desfrute de toda a cidadanía.

Ademais do impacto ambiental e visual, os usuarios alertan doutro problema que afecta especialmente ás persoas que pasean cos seus cans. As sobras dos churrascos, especialmente os ósos, adoitan quedar tiradas sobre a herba, o que supón un risco para os animais, xa que a súa inxestión pode provocar lesións ou graves problemas de saúde.

Os denunciantes lembran que a área conta con papeleiras para depositar os residuos, polo que consideran que este tipo de comportamentos responden unicamente á falta de civismo e de respecto polos espazos públicos e polo resto de usuarios.

Finalmente, fan un chamamento á responsabilidade individual para manter a área recreativa de Gabenlle en boas condicións, lembrando que se trata dun espazo compartido que debe ser coidado entre todos.