
As primeiras xuntanzas coa veciñanza xa comezaron en Teaio e continuarán en Pexegueiro, co obxectivo de reforzar a prevención e a capacidade de resposta ante posibles incendios forestais.
Dodro, 10 de outubro de 2026. O proxecto Batefogo avanza en Dodro coa posta en marcha dun proceso participativo para elaborar plans de autoprotección fronte aos incendios forestais nas aldeas de Teaio e Pexegueiro, dous núcleos rurais identificados como especialmente vulnerables. A primeira xuntanza celebrouse o pasado 8 de outubro en Teaio, mentres que a próxima terá lugar en Pexegueiro ás 20.00 horas.
Batefogo ten como obxectivo impulsar unha iniciativa de intervención social que combine a prevención dos incendios coa autoprotección da poboación, contribuíndo tamén á dinamización económica e social do medio rural.
Tras unha primeira fase de diagnóstico, na que se realizaron entrevistas a diferentes axentes clave do territorio, o proxecto inicia agora unha nova etapa centrada na participación da comunidade para deseñar medidas adaptadas á realidade de cada aldea.
A veciñanza, protagonista dos plans de autoprotección
Durante as reunións preséntanse a diagnose inicial e o mapa preliminar de riscos. A partir destes documentos, as persoas participantes poden valorar a información recollida, identificar posibles riscos e achegar coñecementos sobre as necesidades, os recursos e as características específicas de cada núcleo.
O propósito é que os plans de autoprotección nazan do propio territorio e incorporen a experiencia e as propostas da veciñanza. Deste xeito, búscase mellorar a capacidade das comunidades para prepararse ante unha emerxencia, adoptar medidas preventivas e actuar de maneira coordinada no caso de producirse un incendio forestal.
Esta actuación resulta especialmente relevante nas zonas rurais situadas na interface urbano-forestal, onde as vivendas e outras edificacións están próximas ou rodeadas de vexetación, o que incrementa a súa exposición ao lume.
Prevención e participación para afrontar os incendios forestais
Os incendios forestais representan un importante desafío en Galicia polas súas consecuencias ambientais, económicas e sociais. Ademais dos danos directos sobre as superficies forestais e o patrimonio, poden provocar perda de solo, impactos nos ecosistemas fluviais, morte ou desprazamento de animais e efectos negativos sobre a saúde física e psicolóxica das persoas.
Ante esta realidade, Batefogo aposta pola participación cidadá como ferramenta fundamental para reforzar a prevención e a autoprotección. O proxecto incorpora tamén unha visión a medio e longo prazo sobre a xestión do territorio e o papel das actividades económicas e sociais no mantemento do rural.
A iniciativa pretende, así, avanzar cara a comunidades máis preparadas e implicadas na prevención dos riscos, combinando a protección das persoas e das vivendas coa dinamización social e económica das aldeas.
Desde o proxecto anímase a toda a veciñanza de Teaio e Pexegueiro a participar nas xuntanzas e compartir os seus coñecementos e experiencias, contribuíndo directamente á elaboración dos plans de autoprotección das súas aldeas.

Financiamento e colaboración
O proxecto Batefogo conta co financiamento da Deputación da Coruña, no marco do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o cofinanciamento de proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente durante o ano 2026.
A iniciativa conta tamén coa colaboración dos concellos de Dodro e Padrón, así como das comunidades de montes dos dous municipios. No caso de Dodro, participan as comunidades de montes de Cruz de Avelán e Balouta e Fontecoba.
