O PSdeG da Laracha critica a “incapacidade” do goberno local tras aprobar outra modificación de crédito de máis de 900.000 euros

O Grupo Municipal do PSOE da Laracha critica a “continua improvisación e falta de rigor orzamentario” do goberno local tras a aprobación inicial dun novo expediente de modificación de créditos por importe de 914.074,40 euros, financiado integramente con cargo ao Remanente de Tesouraría para Gastos Xerais.

A portavoz municipal socialista, Inés Ramos, considera que este novo expediente, o terceiro suplemento de crédito aprobado no que vai de ano, “confirma a incapacidade do Concello de deseñar un orzamento realista e ben estruturado, condenándoo a vivir nun parcheo económico constante”.

Segundo Ramos, unha parte importante dos novos créditos destínase a “cubrir deficiencias en proxectos xa adxudicados e en marcha”, polo que, ao seu xuízo, se está recorrendo ao remanente para “parchear proxectos mal deseñados e con imprevistos supostos e moi custosos”.

Entre os exemplos sinalados polo PSOE figuran os 99.000 euros adicionais para a reforma da Casa Consistorial, os máis de 47.000 euros destinados á Reitoral de Montemaior e os 123.000 euros extra para a reparación da cuberta da piscina municipal, gastos que o goberno local xustifica por circunstancias non previstas inicialmente.

“Non podemos falar de erro puntual cando o modus operandi habitual do PP é licitar obras con proxectos mal definidos que logo acaban custando moito máis diñeiro a todos os veciños e veciñas da Laracha”, afirmou Ramos. A socialista engadiu que “usar continuamente o remanente para pagar sobrecustos e mala planificación non é xestionar, é tapar buratos”.

A pesar das críticas ao modelo económico do executivo municipal, o Grupo Socialista decidiu absterse na votación, argumentando que o fixo “por responsabilidade coa veciñanza, para non frear actuacións necesarias e que o Concello non perda estes recursos”.

O expediente contempla tamén diversos investimentos en servizos e equipamentos municipais. Entre eles figuran a mellora do alumeado público en Torás, Caión e Montemaior, cun investimento de 44.518 euros; a renovación do local social do Rapadoiro, en Coiro, por 48.382 euros; a mellora da seguridade dos xogos do parque infantil da Praza do Concello, por 36.000 euros; e a reforma do pavillón polideportivo de Paiosaco, cunha partida de 263.862 euros.

“A nosa postura é de estrita responsabilidade cos veciños e veciñas das distintas parroquias, que non teñen por que pagar as consecuencias da mala xestión do goberno municipal”, explicou a portavoz socialista.

O PSOE asegura que apoia que os recursos se destinen a actuacións necesarias para o municipio, pero reclama unha maior planificación e control do gasto. “Apoiamos que eses cartos vaian a obras que fan falta, pero non imos dar un cheque en branco nin ser cómplices dunha política económica baseada no descontrol e no despilfarro”, concluíu Inés Ramos.

A formación socialista adiantou, ademais, que fiscalizará ao detalle a execución e os prazos de cada un dos contratos incluídos nesta modificación de crédito.