Walter Pardo reclama ao Ministerio de Pesca un sistema máis flexible para aproveitar a cota de sardiña

O secretario de Pesca do PSdeG Provincial da Coruña e voceiro socialista local en Malpica de Bergantiños, Walter Pardo, trasladou ao ministro de Pesca, Luis Planas, a preocupación existente en Galicia pola situación que atravesa a flota do cerco debido ao actual sistema de distribución da cota de sardiña.

Pardo advirte de que algúns armadores xa esgotaron a cota que teñen asignada e, polo tanto, non poden continuar capturando sardiña en Galicia, mesmo cando existe recurso dispoñible e demanda nas lonxas galegas. Para o socialista, trátase dunha situación “difícil de entender” que fai necesario revisar o funcionamento do modelo actual.

Segundo explica, existen posibilidades de pesca que non sempre son consumidas na súa totalidade noutras zonas, polo que considera necesario analizar se o sistema de distribución responde realmente ás necesidades e á realidade da flota. “Non debemos limitar o debate a canto lle corresponde a cada territorio, senón preguntarnos se o sistema actual permite aproveitar do mellor xeito posible unha cota que pertence ao conxunto do Estado”, sinala.

Neste sentido, Pardo reclama ao Ministerio de Pesca que estude un modelo máis flexible que permita aproveitar as cotas que non vaian ser utilizadas e, ao mesmo tempo, mellorar a distribución das posibilidades de pesca entre as embarcacións.

Entre as medidas propostas, solicita analizar o consumo real da cota de sardiña para coñecer con precisión canto se utiliza cada ano, que cantidades quedan sen empregar e en que momentos da campaña se produce esa dispoñibilidade.

Tamén propón estudar a creación dunha cota global para o conxunto da flota, en lugar dun sistema baseado exclusivamente en cotas individuais e inamovibles para cada barco. Pardo aclara que esta fórmula non implicaría pescar sen límite, senón establecer topes claros en función de factores como o número de tripulantes, a capacidade da embarcación e os días reais de actividade.

“Deste xeito, a distribución das posibilidades de pesca estaría vinculada á actividade real de cada embarcación e ao emprego que xera, evitando que unha cota asignada inicialmente poida quedar sen utilizar mentres outras embarcacións se ven obrigadas a deixar de traballar por falta de cota”, explica.

Outra das propostas pasa por permitir unha xestión dinámica das cotas durante a campaña. Así, se unha embarcación non ten capacidade para consumir a cantidade inicialmente asignada, esa posibilidade de pesca podería quedar dispoñible para outros barcos que si estean en condicións de utilizala.

O socialista reclama ademais facilitar a transferencia ou adquisición de cotas sobrantes e revisar o sistema tendo en conta a realidade social e económica de cada embarcación. Neste sentido, considera que o emprego xerado por cada barco e o número de persoas que dependen directamente da súa actividade deberían ter un maior peso na distribución.

Pardo insiste en que calquera modificación debe manter como prioridade a sustentabilidade do recurso e estar sometida aos criterios científicos e aos límites necesarios para garantir a súa conservación. Ao mesmo tempo, defende buscar “a fórmula máis eficiente e xusta” para aproveitar as posibilidades de pesca dispoñibles dentro deses límites.

“A miña intención con esta carta non é reclamar privilexios para Galicia nin prexudicar a outras comunidades pesqueiras. O que solicito é que se estude un sistema que permita aproveitar ao máximo a cota dispoñible, protexer o emprego e garantir que ningún barco teña que deixar de traballar mentres exista cota que poida ser utilizada legalmente”, afirma.

Finalmente, Walter Pardo considera que o Ministerio ten a oportunidade de impulsar un modelo máis flexible, baseado no consumo real e nas necesidades de cada embarcación, no que os criterios de tripulación, capacidade do barco e días de actividade teñan un peso relevante.

“Creo que é posible avanzar cara a un sistema máis eficiente, flexible e xusto, que permita aproveitar mellor os recursos dispoñibles sen comprometer a sustentabilidade da sardiña nin o futuro da flota do cerco”, conclúe.