O PSDEG-PSOE DE CORCUBIÓN DENUNCIA QUE O CONCELLO “SÁLTASE AS NORMAS DE FORMA CONTINUADA” 

Corcubión, 13 de decembro de 2025. O PSdeG-PSOE de Corcubión denuncia a «forma de gobernar» do actual executivo municipal, ao que acusa de actuar «á marxe dos procedementos e das normas» de maneira reiterada, mentres á veciñanza «se lle esixen limitacións e requisitos estritos, especialmente no casco histórico».

Segundo explicou o grupo socialista, o propio alcalde recoñeceu no último pleno que o Concello decidiu pintar un mural nunha fachada do casco histórico sen convocar comisión de patrimonio e sen solicitar ningún informe técnico que acreditase a súa adecuación ao PEPOCH (Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico de Corcubión).

«A cultura e a arte enriquecen Corcubión e queremos felicitar á artista Laura Suárez polo seu gran traballo«, subliña o PSdeG-PSOE. «Pero unha actuación nun inmoble protexido debe facerse con rigor, garantías e respecto escrupuloso aos informes e trámites que se lle esixen a calquera veciño ou veciña», engaden.

Os socialistas tamén trasladan outras cuestións expostas no pleno, como a instalación de cámaras de tráfico «sen boletín nin alta na compañía eléctrica«, un extremo, que de confirmarse, «podería comprometer a validez de posibles sancións asociadas a eses dispositivos».

Entre os exemplos citados, o PSdeG-PSOE de Corcubión menciona igualmente a colocación de sinalización «sen modificación previa da ordenanza de tráfico» e o incumprimento de mocións presentadas pola oposición e aprobadas en pleno.

Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Corcubión reclama ao goberno municipal:

  • Regularizar e documentar as actuacións realizadas conforme á normativa vixente.
  • Convocar os órganos e comisións correspondentes, especialmente en materia de patrimonio, antes de intervir no casco histórico.
  • Garantir transparencia e seguridade xurídica, evitando decisións sen respaldo técnico nin procedementos regrados.