O PSOE da Laracha critica a falta de respostas do alcalde sobre as medidas de prevención de incendios

O PSOE da Laracha cuestionou publicamente a actuación do goberno municipal en materia de prevención de incendios forestais e reclamou ao alcalde, José Manuel López Varela, unha resposta “clara e directa” sobre o estado dos cortalumes no municipio.

Segundo denuncian os socialistas, durante unha recente intervención en Radio Nordés, o rexedor dispuxo de varios minutos para responder ás preguntas formuladas sobre a execución e planificación dos cortalumes, pero, ao seu xuízo, evitou abordar a cuestión principal.

“Cinco minutos. Ese foi o tempo que tivo López Varela para responder a unha pregunta moi sinxela: se os cortalumes da Laracha están feitos conforme á normativa ou se responden a outros intereses”, sinalan desde o PSOE local.

A formación considera que a resposta ofrecida polo alcalde non aclarou as dúbidas existentes e lamenta que o debate derivase cara a cuestións alleas á realidade do municipio. “A nós non nos interesa unha clase de xeografía; impórtannos os veciños e veciñas da Laracha e a seguridade das nosas parroquias”, afirman.

Por este motivo, os socialistas reiteran a súa petición de información e formulan novamente a pregunta ao goberno municipal: “Temos os montes protexidos ou non?”. Ademais, insisten en que a prevención dos incendios forestais é unha cuestión prioritaria para a seguridade da cidadanía e reclaman transparencia sobre as actuacións realizadas.

“O noso monte non pode esperar por evasivas”, conclúen desde o PSOE da Laracha, que agarda unha resposta concreta por parte do executivo local sobre o cumprimento da normativa e as medidas adoptadas para reducir o risco de incendios no concello.