
O concelleiro do PSOE no Concello de Malpica, Sergio García Villar, volveu denunciar o estado de abandono de diferentes infraestruturas e espazos públicos da parroquia de Buño, asegurando que se trata dunha situación que se repite en distintos puntos do municipio.
Segundo explica o edil socialista, unha das principais preocupacións é a barandilla situada nunha zona de paso, que leva máis dun ano rota. García Villar lembra que esta incidencia xa foi trasladada ao Pleno municipal, pero lamenta que continúe sen repararse. “O problema non é só que estea rota, senón o risco que supón para calquera persoa que se achegue e poida sufrir un golpe ou un accidente”, sinala.
O concelleiro tamén denuncia que a fonte da praza de Buño leva moito tempo sen funcionar, unha situación que, segundo afirma, os propios veciños levan tempo reclamando que se solucione para recuperar este elemento do espazo público.
Outra das deficiencias apuntadas polo PSOE é o estado do carreiro que comunica a estrada da Costa co Campo da Culpa. García Villar asegura que leva moito tempo sen labores de limpeza e mantemento, polo que actualmente resulta practicamente intransitable para os usuarios.
O edil socialista sostén que estas situacións non son casos illados, senón que responden a unha falta de mantemento xeral no municipio. “Podería seguir enumerando incidencias, porque esta é unha constante en todo o Concello de Malpica”, afirma, reclamando ao goberno local que actúe con maior rapidez para atender as demandas veciñais e garantir a conservación dos espazos públicos.


