Veciños da Laracha denuncian un vertedoiro ilegal que leva máis de dous meses sen retirarse

Os veciños da parroquia de Lendo, no concello da Laracha, denuncian a presenza dun vertedoiro ilegal situado na zona do Igrexario, unha situación que, segundo aseguran, leva máis de dous meses sen que se lle dea solución.

Segundo explican os residentes, o Punto Limpo foi avisado con suficiente antelación para proceder á retirada dos residuos, pero o lixo continúa acumulado no mesmo lugar, xerando malestar entre a veciñanza e unha evidente preocupación polo impacto ambiental e a mala imaxe que ofrece a contorna.

Os afectados consideran que, se a empresa encargada da recollida non é quen de realizar este servizo, o Concello debería buscar unha alternativa e encomendar o traballo a outra empresa para evitar que o problema siga prolongándose.

A veciñanza reclama unha actuación urxente por parte das administracións competentes para eliminar este vertedoiro ilegal e evitar que a situación continúe deteriorando unha zona frecuentada polos veciños e visitantes.