
O PSOE provincial realizou unha andaina reivindicativa polo Refuxio de Verdes, no corazón do río Anllóns, co obxectivo de comprobar de primeira man o estado de abandono no que se atopa este importante espazo natural e turístico da provincia.
Durante o percorrido, os participantes puideron constatar a presenza de árbores caídas, tramos da senda pechados e dificultades para transitar con normalidade por un dos enclaves naturais máis emblemáticos da comarca. Unha situación que, segundo denuncian os socialistas, evidencia a falta de mantemento e conservación do espazo.
Na andaina participaron Patricia Iglesias, Lois García Carballido e José Manuel Pérez Abelenda, que puxeron o foco na necesidade de actuar de maneira inmediata para recuperar a senda e garantir que veciños, visitantes e amantes da natureza poidan desfrutar do Refuxio de Verdes en condicións adecuadas.
Desde o PSOE provincial sinalan directamente á Xunta de Galicia como responsable do mantemento deste espazo e reclaman ao Goberno galego que deixe de lado o abandono e acometa as actuacións necesarias para retirar as árbores caídas, limpar e acondicionar a senda e recuperar a plena accesibilidade do percorrido.
“Non podemos permitir que un espazo natural destas características estea nestas condicións”, sinalaron os socialistas, que consideran que o Refuxio de Verdes merece unha atención acorde co seu valor ambiental, paisaxístico e turístico.
A formación socialista reivindica así unha actuación urxente da Xunta de Galicia para recuperar o corazón do río Anllóns e evitar que o deterioro continúe avanzando. A andaina serviu tamén para visibilizar sobre o terreo unha situación que, segundo o PSOE, require solucións e non máis escusas.


Audio Patricia Iglesias
Audio Pérez Abelenda