

O Quinteiro de Buño xa ten preparada a súa programación para este verán, cunha completa oferta de actividades que combinarán música, tradición, cultura popular, patrimonio e celebracións para todos os públicos.
A programación arrancará o vindeiro 3 de xullo cun concerto moi especial protagonizado por Icía Varela, Haruna Chatani e Yoshimi, nun encontro musical arredor da tradición. A entrada será gratuíta e as persoas asistentes poderán gozar ademais de servizo de bar e polo á grella.
O 11 de xullo será a quenda da diversión e da nostalxia coa celebración da Festa Ochentera e Exposición de Coches Clásicos, amenizada polo grupo Retotrool e DJ Grobas. A xornada contará tamén con servizo de bar e hamburguesas.
A programación cultural continuará o 18 de xullo coa xornada-faladoiro «Xoguetes e Enredos Tradicionais e Sustentables no Camiño de Santiago», que se desenvolverá no Ecomuseo Forno do Forte entre as 11:30 e as 13:30 horas. Durante o encontro presentarase o proxecto e o libro «Patrimonio Lúdico Galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais», coa participación do Observatorio de Patrimonio Lúdico Galego e de Apolinar Varela.
Xa no mes de agosto, o día 7 celebrarase o II Festival Folk O Quinteiro de Buño, unha cita que volverá reunir música e tradición nun ambiente único. Os detalles do cartel anunciaranse proximamente.
As tradicionais festas na honra de Santa Filomena terán lugar os días 8 e 9 de agosto, converténdose unha vez máis nun dos momentos máis destacados do verán na parroquia.
Como peche desta intensa programación estival, o 12 de agosto terá lugar unha proposta singular coincidindo co eclipse previsto para esa tarde. O dúo «A Máquina de Meter Medo» ofrecerá o espectáculo «Eclipse», unha innovadora fusión de zanfonas tradicionais e música electrónica que acompañará aos asistentes durante este fenómeno astronómico.
Desde O Quinteiro de Buño animan a veciñanza e visitantes a participar nesta programación pensada para promover a cultura, a tradición e a convivencia, consolidando este espazo como un referente cultural durante o verán na Costa da Morte.