O V Duatlón Val de Soneira converteu Vimianzo nun referente do deporte e a convivencia

O V Duatlón Val de Soneira encheu este sábado as rúas de Vimianzo de deporte, esforzo e gran ambiente, reunindo preto de 150 corredores e corredoras nunha xornada marcada pola participación, a emoción e o espírito deportivo.

Dende o Concello de Vimianzo queremos agradecer fondamente a todas as persoas, entidades e colectivos que fixeron posible esta nova edición: participantes, voluntariado, clubs deportivos, Protección Civil, Policía Local, persoal municipal —en especial ao técnico de deportes Víctor Santos—, patrocinadores e público asistente, que animou durante toda a proba e contribuíu a crear un ambiente excepcional.

A cita deportiva volveu demostrar o seu crecemento e consolidación dentro do calendario deportivo da comarca, grazas ao traballo e implicación da organización e de todas as persoas colaboradoras.

O Concello quere felicitar especialmente ás gañadoras e gañadores das distintas categorías, así como a todas as persoas participantes polo esforzo, a constancia e a entrega demostrada ao longo da competición.

Eventos como o Duatlón Val de Soneira continúan facendo de Vimianzo un lugar onde o deporte, a convivencia e o esforzo compartido medran ano tras ano, fortalecendo os vínculos entre veciñanza, visitantes e comunidade deportiva.