
A parroquia de Lestón, no concello da Laracha, prepárase para vivir unha nova edición das tradicionais Festas do Sacramento en Paiosaco, que se desenvolverán durante tres xornadas, do sábado 6 ao luns 8 de xuño, cun completo programa relixioso, musical e festivo organizado pola Comisión de Festas.
As celebracións darán comezo o sábado 6 cunha mañá marcada polas tradicionais dianas e alboradas. Ás 13.30 horas terá lugar a misa solemne na honra do Santísimo Sacramento, seguida dunha animada sesión vermú coa actuación da orquestra Acordes. Pola noite, a mesma formación musical volverá subir ao escenario para protagonizar a verbena xunto á discoteca móbil Impacto, que contará coa participación dos DJ David Bermúdez e DJ Sote.
O domingo 7 arrancará tamén con dianas e alboradas. Ás 13.30 horas celebrarase a misa solemne e, ao remate, os asistentes poderán gozar dunha macro sesión vermú amenizada polo dúo Galán. Xa pola tarde, a festa continuará cun tardeo musical a cargo da discoteca móbil Impacto e da Tomando Party, coa presenza dos DJ David Bermúdez, DJ Cotelo, DJ Javi e DJ Ariax.
As Festas do Sacramento despediranse o luns 8 cunha nova misa solemne ás 13.30 horas. A sesión vermú estará amenizada polo grupo Unión y Fuerza. Durante a tarde celebrarase a tradicional Festa do Neno, pensada para o desfrute dos máis pequenos. Como colofón final ás celebracións, a gran verbena contará coa actuación do grupo Unión y Fuerza e da orquestra Kubo.
A Comisión de Festas de Paiosaco anima á veciñanza e aos visitantes a participar nunha cita que combina tradición relixiosa, música e convivencia, converténdose cada ano nun dos eventos máis destacados do calendario festivo local.