
O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e, no seu caso, trasladarse ao Concello en base aos criterios técnicos consensuados coa Fegamp
A zona afectada abrangue o paseo da Calafigueira e un tramo do paseo da Ribeira
O encontro enmárcase na terceira e última fase do proceso polo que xa se remitiron a Administración Xeral as propostas de 17 dos 25 municipios que o pediron
Portos de Galicia e o Concello de Fisterra acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde, Luís Insua, no consistorio fisterrán.
No encontro, ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Fisterra dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados previamente coa Fegamp.
En concreto, no caso do porto de Fisterra, os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello correspóndense co paseo da Calafigueira e un tramo do paseo da Ribeira.
A reunión co Concello de Fisterra dá continuidade á celebrada co de Cariño e enmárcanse na terceira e última fase do proceso polo que Portos de Galicia está a remitir á Administración Xeral do Estado as propostas de reversión daqueles municipios que solicitaron a titularidade de terreos portuarios de uso público. A día de hoxe, a Xunta remitiu xa as propostas aprobadas polo Consello do Executivo galego e consensuadas na primeira e segunda fase con 17 dos 25 municipios que o solicitaron a fin de que a Administración estatal, como competente na materia, decida sobre a reversión e, no seu caso, transferencia aos concellos.