QUEIXAS EN BOIRO | Volven aparecer cristais rotos en dous panteóns do cemiterio municipal de Vista Alegre

A indignación volve medrar entre os veciños polo estado no que quedaron dous panteóns do cemiterio municipal de Vista Alegre, en Boiro, despois de que aparecesen novamente cristais rotos.

Segundo trasladan os afectados, os danos poderían estar relacionados cos recentes traballos de limpeza e desbroce realizados no recinto, nos que as desbrozadoras lanzarían pedras contra os panteóns, provocando a rotura dos cristais.

Os veciños tamén critican que, despois de realizar estes labores de limpeza con présa, os desperfectos continúen sen ser reparados.

A queixa diríxese directamente ao alcalde e ao Concello de Boiro, aos que reclaman que se fagan cargo da situación e procedan á reparación dos danos.

«Hai que ter moita caradura, señor alcalde, para mandar limpar e despois non mandar reparar os estragos ocasionados», lamentan os afectados.

Os veciños piden máis coidado nos traballos de mantemento do cemiterio municipal e, sobre todo, unha solución para que os panteóns afectados recuperen o seu estado anterior.

Unha nova queixa veciñal que reclama atención e respostas por parte do Concello de Boiro.