
Malpica.– Veciños da vila manifestan o seu malestar polo que consideran unha aplicación desigual das normas de estacionamento por parte da Policía Local. Segundo estas queixas, traballadores que se desprazan diariamente aos seus postos de traballo en Malpica estarían a recibir sancións de forma habitual, mentres denuncian que un concelleiro do equipo de goberno mantería o seu vehículo estacionado nunha praza reservada para persoas con mobilidade reducida sen ser multado.
As persoas que expresan estas críticas consideran que, de confirmarse estes feitos, estarían a producirse diferenzas na aplicación da normativa, reclamando que a lei se cumpra do mesmo xeito para toda a cidadanía, con independencia do cargo ou responsabilidade pública de cada persoa.
Os veciños lembran que as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida teñen como finalidade garantir a accesibilidade e que o seu uso indebido constitúe unha infracción cando non se dispón da correspondente autorización.
Neste contexto, solicitan unha actuación baseada nos principios de igualdade, imparcialidade e transparencia por parte da Policía Local, lembrando que a normativa debe aplicarse por igual a todos os cidadáns.
«Todos somos iguais ante a lei, en Malpica, en Padrón, en Madrid e en todo o territorio nacional», sinalan os veciños, que reclaman que, se existiu algunha irregularidade, sexa investigada e, no seu caso, se adopten as medidas oportunas.