O Grupo Municipal do PSOE de Malpica denunciou o estado dunha rúa de recente construción na parroquia de Barizo, asegurando que, malia ter sido executada hai apenas cinco meses, xa presenta un evidente deterioro.
Segundo sinalan os socialistas, resulta «incomprensible» que nunha vía practicamente nova xa estea medrando a herba entre o aglomerado, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia unha mala execución da obra ou unha absoluta falta de mantemento.
Ademais, o grupo da oposición denuncia que desde hai unha semana permanece sen reparar unha avaría na rede de abastecemento de auga, mantendo no lugar un burato e os conos de sinalización, sen que o Goberno municipal actuase para solucionar a incidencia.
Desde o PSOE consideran que «isto non é un problema de falta de persoal, senón de deixadez total por parte do Goberno municipal do PP», ao que acusan de non atender con dilixencia as necesidades dos veciños.
Os socialistas rematan a súa denuncia cunha mensaxe irónica: «Non nos estrañaría que mañá mesmo aparecese arranxado despois de facer pública esta situación», insistindo en que a súa labor como oposición é poñer de manifesto os problemas que afectan ao municipio e reclamar solucións inmediatas.